Inicio Carballo ao día Hemeroteca Maxia, folk, cine, rock e jazz internacional...

VERÁN CULTURAL

Maxia, folk, cine, rock e jazz internacional centran a oferta cultural de Carballo

Luns 4 de xullo do 2005

Carballo aposta este ano pola variedade. O criterio que guiou a selección das actividades lúdicas do verán foi o de "diversificar a oferta" e "tentar abarcar os intereses de todos", segundo explicou a edil de Cultura. Os principais atractivos do programa terán lugar nos Venres culturais. Despois de Mercedes Peón, o 8 de xullo, chegan grupos internacionais de recoñecido prestixio. A Big Chief Bo Dollis & The Wild Magnolias vén a Carballo o 29 de xullo despois de participar no máis importante festival de jazz de España, o de San Sebastián. Outro reclamo dos venres, neste caso o día 22 de xullo, é o espectáculo de Luís de Matos, o mago de maior prestixio en Portugal e que está considerado un dos mellores do mundo. O domingo 17 de xullo, Charmaine Neville amosará os seus traballos que mesturan jazz, soul e música étnica. Tamén con fusión de ritmos chega Marful, o grupo galego que conta coa voz da que fora cantante de Chouteira, Ugia Pedreira. Marful trae a Carballo ritmos do jazz, folk e nova composición o venres 12 de agosto.

Belén Lendoiro anunciou a creación de Rockarballo dedicado ás bandas de rock locais. O venres 19 e o sábado 20 os últimos grupos de rock constituídos en Carballo reúnense para participar en dous concertos que van estar acompañados por dous grupos galegos xa consolidados. O venres tocarán Faze, Trámitess e The Cerne, xunto ao grupo Taliesin, que presenta o seu primeiro disco The blind carpenter. O sábado actúan Los Vecinos e Whiplash, acompañados polo grupo compostelán Ruxe Ruxe, que conta con catro discos xa no mercado.

O Verán cultural 2005 conta con actividades lúdicas destinadas aos máis pequenos. Ademais da maxia de Luís Matos, o programa inclúe a actuación dos pallasos de Manicómicos, o 12 de agosto, ou a actuación de Picompé, o 29 de xullo, que presentan con "A dragoa e o cabaleiro" un espectáculo de teatro, mímica, globoflexia e malabares. Tamén para todos os públicos van ser As noites de cine, que estarán repartidas en distintos espazos de Carballo. Hero, Mar adentro, Pinocho 3000k ou O rei Arturo, son algúns dos títulos que se van poder ver de luns a xoves nas diferentes parroquias do concello.

A tradicional feira do libro no xardín municipal non podía faltar na programación cultural. A décimo primeira edición vaise celebrar entre o 25 e o 28 de agosto. O Museo de Bergantiños continúa a albergar a mostra Artesanía: arte e creación, até o 26 de agosto, e dedícalle - do 29 de xullo ao 28 de agosto - unha exposición a Moncho Valcarce, "o cura das Encrobas", un home vencellado ao movemento reivindicativo de Baldaio nos anos 70. O verán cultural péchase coa actuación das dúas principais agrupacións de baile e música tradicional de Bergantiños: Nemeth e Bilitroque. Na elaboración desta programación cultural do Concello participan outras institucións: Deputación da Coruña, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais, a Federación de Libreiros de Galicia, a Obra Social Caixa Galicia e as distintas asociacións que hai en Carballo.

Compartir: