Inicio Carballo ao día Novas Unha empresa holandesa solicita 30 fontaneiros na...

Unha empresa holandesa solicita 30 fontaneiros na Bolsa de Traballo do Concello de Carballo

O proceso de selección realizarase a primeiros de abril na Coruña, e os profesionais seleccionados serán contratados como mínimo durante catro meses

Venres 31 de marzo do 2017

Servizos como a Bolsa de Traballo do Concello de Carballo traspasan fronteiras grazas a Internet, e a proba é que a BDT vén de recibir unha oferta de Holanda para cubrir 30 postos de fontaneiro/a nunha empresa da construción. O sector está a vivir un auxe naquel país, sobre todo en desenvolvemento de proxectos comerciais, e precísase man de obra cualificada, sobre todo en instalación de calefacción. Neste caso demandan fontaneiros de primeira e de segunda, que deben xustificar tres anos de experiencia como mínimo e que, preferentemente, aínda que non é imprescindible, deben saber manexarse en inglés. 

O representante da empresa que se puxo en contacto coa BDT, despois de localizar o servizo grazas ás redes sociais, asegurou que en Holanda hai traballo en obra nova para varios anos. De momento, no entanto, os fontaneiros seleccionados terán contratos iniciais de catro meses de duración. A empresa corre con todos os gastos, tanto de desprazamento coma de aloxamento. Antes de empezar a traballar os profesionais deben realizar un curso de prevención de riscos específico (non están homologados os que se imparten en España) e asígnaselles un número de identificación fiscal para que poidan asinar o contrato. A xornada laboral é de 7 a 15 horas, e os fontaneiros traballan en grupos de dous.

Persoal da empresa desprazarase dende Holanda ata A Coruña para realizar o proceso de selección a partir do 10 de abril, polo que urxe que as persoas interesadas se poñan en contacto canto antes coa BDT, ben no 2º andar do Fórum Carballo ou ben a través do número de teléfono 981 709 011.

Máis ofertas de emprego

Cada vez son máis as empresas que utilizan a Bolsa de Traballo do Concello de Carballo para conformar as súas plantillas de traballadores/as. As ofertas multiplicáronse nos últimos tempos. Nestes momentos están abertos procesos de selección de camareiros/as con experiencia, pinches de cociña, fontaneiros (para Holanda pero tamén para Carballo, neste caso con contrato en prácticas). Tamén urxe a contratación dun maquinista de retroexcavadora e de dous oficiales da construción de 2ª ou 3ª para unha empresa de Carballo que traballa fóra da comunidade autónoma.

Compartir: