Inicio Carballo ao día Novas Teatro por partida tripla no Pazo da Cultura para...

Teatro por partida tripla no Pazo da Cultura para a fin de semana de transición de marzo a abril

O venres 31 a compañía Excéntricas brindaranos a oportunidade de escoitar a Valle-Inclán en galego por primeira vez en “A cabeza do dragón”

Luns 27 de marzo do 2017 Cultura

A vindeira fin de semana teremos ración tripla de teatro en Carballo, porque ademais da montaxe que pecha os Venres Culturais organizados pola Concellaría de Cultura, polo Pazo da Cultura pasarán a Bienal de Teatro ONCE e o programa da Deputación da Coruña “Coa lingua de fóra”.

Carballo é unha das vilas privilexiadas que poderán escoitar, por primeira vez, a Valle-Inclán en galego. Tras a liberación dos dereitos da obra do autor arousán, a compañía compostelá Producións Teatrais Excéntricas escolleu a farsa esperpéntica “A cabeza do dragón” para poñelo en escena, nun espectáculo de oito actrices e actores: María Costas, Iván Marcos, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, Josito Porto, Yelena Molina, Marcos Orsi e Quico Cadaval, que é tamén o director.

Esta primeira versión galega de “A cabeza do dragón”, que coincide co 80º aniversario da morte de Valle, móvese entre a influencia xaponesa e a tradición da farsa europea para construír un espectáculo cheo de máscaras e combates acrobáticos do que poderemos gozar o venres 31 de marzo, ás 21 horas, no Pazo da Cultura (prezo da entrada: 5 € - 3,5 € con desconto).

O teatro clásico ocupará o escenario do auditorio o sábado 1 ás 21 horas, porque chega a Carballo a “Lisístrata” de Aristófanes revisada por Begoña Sánchez e interpretada polo grupo valenciano Samaruc, que traballa pola integración a través do teatro.  A función está incluída no programa da Bienal de Teatro ONCE (entrada libre ata completar aforo).

COA LINGUA FÓRA

No marco do programa “Coa lingua fóra”, da Deputación da Coruña, o domingo 2 chegará a Carballo (Pazo da Cultura, 18 horas) o espectáculo teatral infantil “A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo”, da compañía Duende Sico, dirixido a nenas e nenos de 3 a 8 anos.

Nel o trasno Floripondio quere conseguir o diploma de “contacontos viaxeiro”. Para conseguilo debe impresionar a mestra Tomasa. Coñecer as partes dun libro, saber contar historias e entender o seu fondo son algunhas das habilidades que o trasno Fliripondio debe ter para conseguir o diploma. O espectáculo, sempre dende o humor e o dinamismo, trata temas como o fomento da lingua, a lectura e a igualdade.

Bromas, conxuros, participación da cativada, música en directo, mestura de actores e monicreques..., son algúns dos ingredientes deste espectáculo centrado nos libros e no que o público participa moi activamente.

A asistencia á representación é de balde, mais débense recoller previamente os convites (máximo 4 por persoa) na Biblioteca Rego da Balsa (10.30 a 20.30 h) ou no Servizo de Normalización Lingüística do Pazo da Cultura (de 10 a 14 h).



Galería

Compartir: