Inicio Carballo ao día Novas O Conservatorio Profesional de Carballo e a...

O Conservatorio Profesional de Carballo e a Escola Municipal de Música de Oleiros estreitan lazos a través dun intercambio

As orquestras e os coros de ámbolos centros actuaron hoxe no Pazo da Cultura e a vindeira semana farano no auditorio de Mera

Sábado 25 de marzo do 2017

Orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Carballo

Orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Carballo

O primeiro intercambio entre o Conservatorio Profesional de Música de Carballo e a Escola Municipal de Música de Oleiros supón o punto de partida para unha colaboración máis estreita entre ámbolos centros. O obxectivo, segundo explicou a concelleira de Educación, Mar Eirís, é achegar ao alumnado experiencias enriquecedoras tanto no ámbito persoal coma no artístico, ademais de fomentar a convivencia e a colaboración entre os/as estudantes. 

O intercambio empezou a materializarse hoxe sábado, coa visita a Carballo da orquestra e o coro de voces brancas da Escola Municipal de Música de Oleiros, dirixidos por Ismael Vaquero e Isaura Rey, respectivamente, que foron recibidos polo equipo directivo do Conservatorio Profesional de Música de Carballo e pola concelleira de Educación.

Coro do Conservatorio Profesional de Música de Carballo

Coro do Conservatorio Profesional de Música de Carballo

O punto de encontro foi o auditorio do Pazo da Cultura, onde a orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, dirixida por Juan José Otero, interpretou o primeiro movemento de “Eine Keine Nachmusik”, de Mozart, o popular tango de Carlos Gardel “Por una cabeza” e a clásica de Scott Joplin “The enterteiner”, antes de que os alumnos e as alumnas de Gloria Pardines subisen ao escenario para a interpretación conxunta do tema de José María Cano “Hijo de la luna” que popularizou Mecano.

Co auditorio cheo, tomou o relevo a Escola Municipal de Música de Oleiros, que preparou un repertorio moi cinematográfico, con temas que forman parte das bandas sonoras de películas coma  “Leyendas de pasión”, “Forrest Gump” ou “Los chicos del coro”. E como remate, xa fóra de programa, houbo unha interpretación conxunta de alumnos/as de ámbolos centros.

Despois desta primeira experiencia, que resultou moi positiva, o Conservatorio de Carballo devolverá a visita á Escola Municipal de Música de Oleiros o vindeiro 2 de abril, e de novo alumnado dos dous centros ofrecerá un concerto, neste caso no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, ás 12 horas.

Compartir: