Inicio Carballo ao día Novas As inmigracións no municipio de Carballo...

BARÓMETRO MUNICIPAL

As inmigracións no municipio de Carballo descenderon un 77,5% nos últimos dez anos

As vivendas nas que só residen unha ou dúas persoas supoñen máis da metade do total das casas ocupadas

Mércores 22 de marzo do 2017

O alcalde, Evencio Ferrero, presentou hoxe o barómetro municipal, un documento que se publica cada ano dende o 2004 e que, basicamente, facilita o seguimento da actividade administrativa do Concello de Carballo. Pero moitos deses datos están relacionados coa poboación, e permítennos extraer conclusións sobre cuestións tan relevantes coma os movementos demográficos. Neste sentido, por exemplo, destaca o feito de que as inmigracións descenderon un 77,5 % nos últimos dez anos, xa que fronte ás 463 altas procedentes doutros países que se tramitaron no ano 2007, no 2016 foron só 104. O colectivo máis minguado é o uruguaio, que pasou de estar formado por 259 persoas no ano 2005 ás 57 actuais. Do mesmo xeito que son menos os estranxeiros que veñen, tamén son menos os carballeses que marchan, e que o ano pasado foron 73 (o pico máximo acadárase no 2008, con 120 emigracións). 

A 1 de xaneiro do 2017 Carballo ten 31.310 habitantes, 15.302 homes e 16.008 mulleres

A 1 de xaneiro do 2017 Carballo ten 31.310 habitantes, 15.302 homes e 16.008 mulleres

Carballo ten, a 1 de xaneiro do 2017, 31.310 habitantes, case unha terceira parte de toda a Costa da Morte, e conta ademais cunha da poboacións máis novas de Galicia. Do total de habitantes temos 15.302 homes e 16.008 mulleres, pero aínda que no cómputo global son máis as mulleres, nas idades máis novas, ata os 30 anos, os homes son maioría. A partir dos 31 a tendencia comeza a cambiar, e xa entre o colectivo de maiores de 91 anos arrasan as mulleres (228 fronte a 71 homes), o que significa que son moito máis lonxevas.

O barómetro municipal tamén nos permite saber como son as familias actuais, cada vez menos numerosas. De feito, en máis da metade das 11.891 vivendas ocupadas que hai no noso concello residen unha ou dúas persoas, e no 92,5 % do total habitan catro ou menos persoas. No casco urbano hai 7.280 vivendas ocupadas, e o resto repártense entre as parroquias. Como curiosidade destacan as 24 vivendas con oito membros ou as cinco nas que residen nove persoas. O número de vivendas desocupadas sigue a ser moi alto, cun total de 8.811 en todo o municipio, algo máis da metade na vila. 

O alcalde tamén fixo referencia a outros números que figuran no barómetro, como o número de documentos que circulan cada ano entre a cidadanía e a Administración. No ano 2016 chegaron ao rexistro de entrada 16.306, e saíron 7.158. A maioría dos documentos recibidos foron facturas, un total de 4.073. Tamén aumentou de xeito considerable o uso da xanela da Xunta, que bateu o récord dos 12 anos que leva funcionando. Así mesmo, os 120 contratos asinados o ano pasado amosan “o traballo intenso que se fai en Contratación”, destacou Evencio Ferrero.

Compartir: