Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo mellora a accesibilidade...

O Concello de Carballo mellora a accesibilidade nas contornas dos colexios Xesús San Luís Romero e A Cristina

No CEIP do barrio da Milagrosa tamén investirá máis de 130.000 euros no peche do pavillón polideportivo

Mércores 11 de xaneiro do 2017

A mellora da accesibilidade nas contornas dos centros escolares é unha prioridade para o goberno municipal de Carballo. Con ese obxectivo acometeuse a recente construción dun aparcamento no CEIP Gándara-Sofán ou a urbanización do complexo educativo, deportivo e lúdico do Chorís, polo que transitan a diario miles de nenas e nenos, e esa mesma filosofía aplicarase agora nas mazás dos colexios A Cristina e Xesús San Luís Romero.

Neste último, de feito, xa está está só pendente de adxudicación unha primeira fase do proxecto, que afecta ás rúas Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal.

Ademais de mellorar a accesibilidade, nestas dúas vías completarase a urbanización coa instalación dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de augas pluviais, alumeado, electricidade, teléfono, fibra e gas canalizado.

O investimento acada os 221.4000 euros. A solución adoptada consiste no acondicionamento de franxas verdes pegadas ao muro de peche do colexio, amplas zonas peonís, aparcamentos e calzada dun só carril, xa que se establecerá a dirección única para priorizar a circulación peonil e garantir a seguridade nun entorno escolar. Na outra marxe da rúa Fotógrafo Xosé Vidal a urbanización completarase cando se desenvolva urbanisticamente ese ámbito.

Nunha segunda fase, que o Concello de Carballo pretende acometer o antes posible, a actuación centrarase nas rúas Saturnino Cuíñas e Cemiterio Vello, de tal xeito que quedará urbanizado todo o perímetro do centro educativo.

Pavillón do San Luís Romero

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, expuxeron os plans do goberno municipal á directora do CEIP San Luís Romero, Marisa López. Na reunión participou tamén o arquitecto Fernando Añón, que está traballando na redacción do proxecto do pavillón polideportivo do colexio. Esta obra, que acada os 131.062,58 euros, será financiada integramente con fondos municipais e incluirá o peche da pista, a iluminación, a pintura de vigas e piares e a mellora da accesibilidade dende o propio centro. A directora solicitou tamén unha serie de actuacións complementarias, como a construción de aseos e un almacén, que serán incluídos ou ben no propio proxecto ou como melloras de obra.

Compartir: