Inicio Carballo ao día Novas O plan de compostaxe caseira chega á...

CARBALLO LIMPO

O plan de compostaxe caseira chega á súa cuarta fase coa implantación de composteiros en 25 vivendas máis

As familias interesadas poden inscribirse chamando ao número de teléfono 981 754 917

Venres 6 de xaneiro do 2017

Dado o éxito das anteriores fases do proxecto de implantación da compostaxe caseira no Concello de Carballo, seguimos avanzando na redución de residuos sólidos, neste caso na eliminación da fracción húmida, que é a mais pesada e a que máis custe ten no seu tratamento. Desde o Concello de Carballo estamos comprobando que hai modelos alternativos e que funcionan. De feito, tense feito o cálculo do que supón en canto a redución do número de toneladas que non irán a parar ao colector verde, e supera as 85 toneladas ao ano, só nas 130 vivendas que xa contan con composteiro.

Nesta 4ª fase está previsto a implantación de composteiros en 25 novas vivendas, polo que aproveitamos para abrir un proceso de inscrición para todas aquelas familias que queiran participar neste importante proxecto para conseguir un Carballo Sostible, que poden chamar ao 981 754 917. O composteiro e a formación para o seu uso son gratuítos grazas á implicación de Sogama, que ofrece os composteiros, e ao Concello de Carballo. que realizará a formación e acompañamento para que a implantación sexa un éxito ao igual que o foron as fases anteriores.

O plan acada entre os usuarios unha nota de sobresaínte e un uso do 92 % dos composteiros instalados, nos que xa se está a producir compost para as hortas e xardíns destas vivendas. Coma sempre, as vivendas que se queden fora desta fase pasarán a unha lista de agarda para posteriores accións.

Ligazóns

Compartir: