Museo de Bergantiños

Museo de Bergantiños

O edificio no que se sitúa o Museo de Bergantiños foi construído a mediados do século XIX, en 1855, para albergar o cárcere e o xulgado de Primeira Instancia de Carballo. Na década dos 90 do pasado século iniciouse a rehabilitación do corpo principal e a construción da Biblioteca Municipal na parte posterior, ambas as obras dirixidas polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto. No 2002 inaugúrase e inicia a súa actividade como museo etnográfico da comarca ata a actualidade. De estilo clasicista, cunha austeridade que responde á súa función orixinal, o discurso expositivo é circular entorno a un patio central ao redor do cal se sitúan as sucesivas salas, as antigas celas do cárcere. Deste aínda se conservan a lareira da cociña e o espazo de forma absidal que ocupou a capela.

Ademais de centro museístico, neste inmoble histórico, dos máis antigos da vila, atópase a oficina de información turística, a cal dá a benvida a visitantes e turistas que chegan á capital bergantiñá.

Carballo antigo

Bergantiños é unha das comarcas naturais de Galicia mellor definida xeograficamente, na beira norte da Costa da Morte, está composta por sete municipios: A Laracha, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe e Carballo, e este último é a capital e epicentro económico e comercial. Do espazo xeográfico da comarca, a súa formación e estrutura xeolóxica trata a primeira sala do museo, a modo de introdución do que máis adiante hai exposto. Así, Bergantiños é costa e interior, posúe mar e terras de cultivo moi fértiles, ambos os recursos que en tempos económicos-sociais difíciles anteriores serviron de sustento ás familias na zona. O mar da Costa da Morte foi e segue a ser un dos principais sectores económicos, tanto pola pesca, polo marisqueo e a comercialización nos seus portos e lonxas, senón tamén pola vertente turística vertebrada polo gran valor paisaxístico e ecolóxico que posúen os seus espazos naturais, praias, marismas... Pero Bergantiños non só ten auga salgada do mar, tamén a ten doce dos ríos, concretamente do troiteiro río Anllóns, quen determina a configuración e o trazado da comarca, que a atravesa ao longo de 50 km desde a Serra de Montemaior (A Laracha) onde nace, ata a ría de Corme (Ponteceso) e Laxe, onde desemboca na Enseada da Insua aos pés do Monte Branco. A forza do descorrer das augas dun dos seus afluentes, o río Outón, ao seu paso pola parroquia carballesa de Entrecruces, serviu para construír unha central hidroeléctrica na súa fervenza de 40 metros de altura, que abasteceu electricidade á vila desde 1915 e da que apenas quedan pegadas.

Feiras e liño

As terras do interior bergantiñán son espazos de produción de boa madeira, traballada polas mans dos carpinteiros, zoqueiros, cesteiros e nos estaleiros, e tamén espazos de cultivos de variados cereais, legumes, hortalizas e verduras. A alta calidade destes produtos e a súa abundancia fixeron que Bergantiños sexa considerada a despensa de Galicia. Esta fama, que aínda conserva, facilitou o desenvolvemento da zona, perceptible aínda hoxe nas súas feiras de todos os xoves e dos segundos, cuartos e quintos domingos de mes. Pero se de produto e de fama se trata, o pan de Carballo é o protagonista. De longa historia, xa desde o século XVI se sabe que "labradores que labran el pan e por el dicho oficio se sustentan" (Crónicas de Carballo I, Xan Fraga Rodríguez).

Á nosa tradición feirante, ao pan, aos cultivos, ao tecido industrial e comercial significativo hai que engadir o Balneario cando falamos de desenvolvemento da vila, xa desde mediados do século XIX, ademais da súa situación xeográfica estratéxica como cruce de camiños. Tamén foi vital para o crecemento de Carballo, a mellora da comunicación en 1950 co establecemento da liña de trolebuses que chegaba a Coruña, a primeira liña de estrada que se electrificou en España.



Galería

Compartir: