Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Carballo, un dos cinco concellos participantes na sexta edición do certame “Enreguéifate”

Obradoiros de formación para o alumnado e o profesorado, un certame regueifeiro e un encontro de regueifa, entre as actividades previstas

Venres 7 de outubro do 2022

Este mediodía presentouse a sexta edición do certame Enreguéifate, un proxecto conxunto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, que busca difundir a improvisación oral en verso e contribuír á promoción do uso da lingua galega.

No acto, celebrado na casa da cultura do Milladoiro, participaron a concelleira das áreas de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames, Escarlata Pampín; a concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo, María López; o regueifeiro e docente Séchu Sende, e a regueifeira e formadora Nuria Penas.

Segundo explicou a edil amesá, o alumnado volverá ser o obxectivo prioritario deste certame que se dirixe tamén ao conxunto da cidadanía. Nesa liña, o proxecto dará comezo cunha actividade formativa para o profesorado, que se desenvolverá o próximo venres 14 de outubro, en horario de tarde, no Espazo Apego de Santiago de Compostela. Un obradoiro para o que xa pechou o prazo de inscrición, con preto de 30 participantes, e que estará impartido polos regueifeiros e formadores Séchu Sende, Manolo Maseda, Lupe Blanco e O Rabelo. Nel, as persoas participantes afondarán no movemento social e educativo da improvisación oral en verso e aprenderán a traballar a regueifa na aula coa perspectiva cultural do século XXI.

Tamén neste mes de outubro darán comezo os obradoiros de improvisación oral para o alumnado. A concelleira Escarlata Pampín anunciou estoutra gran acción formativa do Enreguéifate, que se vai desenvolver ata decembro nos centros de ensino dos cinco concellos impulsores do proxecto. Uns obradoiros que teñen como finalidade que a mocidade aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa que, segundo apuntou Pampín, “fomenta a capacidade de articular un discurso improvisado e traballa habilidades como a escoita ou a atención e o respecto pola persoa interlocutora”. Subliñou ademais a concelleira que, na mocidade, a regueifa é “unha potente ferramenta para o desenvolver a autoconsciencia, a seguridade e a autoestima nunha etapa de conformación da identidade de cada persoa”.

Certame Enreguéifate 2022-2023

A edil de Lingua e Mocidade do Concello de Teo, María López, destacou a outra gran acción do Enreguéifate 2022-2023: o certame regueifeiro aberto ao conxunto da cidadanía galega. Un concurso que ten como obxectivo que estudantes e público en xeral se apunten á práctica da arte da improvisación oral en verso, coa regueifa en lingua galega. O prazo de inscrición para participar no certame estará aberto dende o 10 de novembro deste ano ata o 10 de marzo de 2023, e poderá facerse a través da páxina web do certame, onde están xa dispoñibles as bases:www.enregueifate.gal.

Nesta sexta edición volverá haber dúas categorías no concurso: xeral e escolar, con seis premios en cada unha delas: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.

Os premiados coñeceranse a finais de marzo e recibirán o galardón na gala final, prevista para o venres 14 de abril no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Un acto que, segundo anunciou o docente e regueifeiro Séchu Sende, suporá un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta, e contará coa participación de alumnado de centros educativos de Euskadi e Cataluña, ademais de escolares galegos.

A presentación desta sexta edición do Enreguéifate contou ademais cunha demostración práctica a cargo de Séchu Sende e da tamén formadora e regueifeira Nuria Penas. Botando man da improvisación oral en verso, fixeron un chamamento a participar nun certame que conta no seu haber co Premio Mil Primaveras, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola súa contribución á difusión da lingua galega.

Ligazóns

Compartir: