Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 304 
Fax: 981 704 302 
nelvidal@carballo.gal

CURSO DE VERÁN “TRABALLANDO NA CALIDADE DA LINGUA”

O alcalde de Carballo pon en valor a figura de Carlos O’Xestal como exemplo do compromiso coa lingua a través do humor

Evencio Ferrero participou no acto inaugural xunto co reitor da UDC, o secretario xeral de Política Lingüística, a presidenta da CTNL e outros representantes da universidade

Mércores 18 de xullo do 2018

Valentín García, Anxos Sobriño, Evencio Ferrero, Julio Abalde, Marisol Ríos e Xosé Manuel Sánchez

Valentín García, Anxos Sobriño, Evencio Ferrero, Julio Abalde, Marisol Ríos e Xosé Manuel Sánchez

Despois de 14 anos traballando na dinamización da lingua en diversos ámbitos, como lembrou o reitor da Universidade da Coruña no acto inaugural dun novo curso de verán, “había que parar a reflexionar sobre a calidade da lingua que se utiliza neses ámbitos”. Estas palabras de Julio Abalde resumen o obxectivo de dúas intensas xornadas formativas que botaron a andar hoxe pola mañá no auditorio do Fórum Carballo, convertido durante 48 horas en campamento de verán de medio cento de docentes, estudantes, persoal técnico e xentes interesadas, a nivel persoal e/ou profesional, no proceso de normalización da lingua galega.

O reitor insistiu en que unha universidade “comprometida coa nosa cultura e o noso pobo” debe ter como obxectivo permanente a normalización da lingua e a súa posta en valor utilizándoa con orgullo “no noso traballo cotiá”, e subliñou que, en definitiva, o obxectivo do traballo que se vén desenvolvendo ao longo destes 14 anos é “que o maior patrimonio cultural que temos sexa un vehículo de comunicación normal e normalizado”.

Entre o público, Carlos Aymerich, Milagros Lantes e Xosé Ramón Freixeiro, que foi o primeiro relator

Entre o público, Carlos Aymerich, Milagros Lantes e Xosé Ramón Freixeiro, que foi o primeiro relator

Ademais de Julio Abalde, a UDC estivo representada no acto inaugural por Marisol Ríos Noia, coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística, e Xosé Manuel Sánchez Rei, director do curso. Tamén participaron Anxos Sobriño, en nome da Coordinadora de Traballadores pola Normalización da Lingua (CTNL), e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que redundou na necesidade de “ter un foro sobre un tema que temos que ter moi presente, como é a calidade lingüística” e expresou o seu desexo de que destas dúas xornadas de traballo saian propostas “que sexan de aplicación o resto do ano para mellorar a calidade da lingua”.

Evencio Ferrero pechou o acto inaugural cun agradecemento especial ao normalizador lingüístico do Concello de Carballo, Nel Vidal, e cunha chiscadela aos protagonistas dos actos de peche deste curso de verán, unha mesa redonda na que se debaterá se É posíbel facermos humor con calidade lingüística? e a actuación de seguido de Isabel Risco, Quico Cadaval e Iván Capón. E, deste xeito, ademais de desexar que “o humor sirva para romper fronteiras”, o alcalde quixo poñer en valor a figura dun grande humorista que viviu e morreu entre nós, Carlos O’Xestal, ao que cualificou coma un “exemplo de dignidade e de extensión da nosa identidade”. Evencio Ferrero expresou o seu desexo de que “as landras do Xestal sigan dando carballos vizosos por todo o país galego”.

Podes descargar o programa do curso máis abaixo.

Descargas

Compartir: