Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Cunhas nocións de galego xa aprendidas, o alumnado do Obradoiro de acollemento lingüístico despídese cunha festa multicultural

As e os participantes recollerán este sábado os seus diplomas nun acto que se celebrará no Pazo da Cultura

Venres 12 de xaneiro do 2018

Alumnado do curso asistiu á presentación do libro de Cheikh Fayé

Alumnado do curso asistiu á presentación do libro de Cheikh Fayé

Cunhas nocións básicas de lingua galega xa aprendidas, pero tamén de xeografía, cultura, etc., as persoas de oito nacionalidades que estiveron a participar no Obradoiro de acollemento lingüístico en Carballo despídense este sábado cunha pequena festa multicultural no Pazo da Cultura, na que cada un levará para compartir algo típico de comer do seu país. Neste pequeno ágape de despedida, que terá lugar este sábado 13, ás 18.00 h, no Pazo da Cultura, o alumnado do obradoiro tamén recibirá os diplomas de participación.

Chegaron a Carballo desde a República Dominicana, Colombia, China, Venezuela, Uruguai, Brasil, Paraguai ou da Comunidade Valenciana e quixeron, e queren, aprender galego. Son xente que non naceu en Galicia, mais que quere coñecer os nosos costumes ao mesmo tempo que dá a coñecer os seus. Persoas que queren saber o que é un carballo, o agarimo, a troula ou o polbo. Mulleres e homes aos que lles gusta coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis ou para intentar acceder mellor a un traballo aquí. Persoas ás que lle gustaría que lle dixesen: "Que rápido aprendiches a falar galego!"?

Neste obradoiro práctico organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, que comezou o 2 de novembro rematou a finais de decembro de 2017, desenvolvéronse diversas actividades para coñecer a lingua (escrita e oral), a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa.

Obradoiros coma este xa se veñen realizando en Carballo desde o ano 2005, cunha moi boa acollida e con bos resultados.

Compartir: