Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

Noventa moz@s de cinco concellos debaten en Carballo sobre os deberes

O Pazo da Cultura acolle este mércores 15 de marzo a fase de zona do Club de Debate, na que participarán nove equipos de Ferrol, Oleiros, Teo, Vedra e Carballo

Martes 14 de marzo do 2017

“Os deberes escolares son convenientes para a educación”. Ese é o tema arredor do que debaterán durante todo este mércores arredor de 90 mozas e mozos de institutos de Ferrol, Oleiros, Teo, Vedra e Carballo na fase de zona do Club de Debate. E dos nove equipos participantes, dous pasarán á final que terá lugar en maio en Compostela, e para a que xa están clasificados equipos de Negreira, Pontevedra, Ames e Santiago.

Todos os debates son públicos, polo que se pode acudir ao Pazo da Cultura para velos, e a entrega de premios, tamén pública, está prevista para as 20:15 h.

Será a deste mércores unha intensa xornada que comezará coa presentación ás 9:30, e que desenvolverá o primeiro debate ás 10:00 h, no que se enfrontará o equipo Partido Pondaliano, do carballés IES Parga Pondal –que defenderá que os deberes escolares si son convenientes para a educación–, co IES María Casares de Oleiros –que defenderá a postura en contra, que os deberes escolares non son convenientes para a educación. E así ao longo de toda xornada, na que se desenvolverán nove debates e na que todos os equipos se terán que poñer nas dúas posturas, a favor e en contra.

De cada debate, o xurado emitirá unha puntuación coa que se conforma a clasificación final e cuxos dous primeiros equipos recibirán como agasallo material cultural por valor de 500 e 300 euros respectivamente, ademais de se clasificaren para a final. O xurado desta fase está composto por Ramón Vilar Landeira, comunicador, Melina Regueira, historiadora e xestora cultural, Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello da Coruña, Pilar Patiño Pena, profesora e Xosé María Lema, escritor, historiador e profesor.

Os debates nos que participarán equipos de Carballo están previstos para as 10:00 h, 13:00 h, 13:50 h e 18:15 h.

Os dous equipos de Carballo están formados por alumnado de 1.º de Bacharelato do IES Isidro Parga Pondal. Dun deles, chamado Partido Pondaliano, forman parte Alejandro Espasandín, Candela Rey, Valeria Serrano, Jorge Blanco, Marcos Souto, Carmen Castro, Rubén Lorenzo, Noelia Pintos, Alejandro Amarelle e Sergio Martínez; e do outro, chamado Xuvengalia, forman parte Alba Campos, Andrea Varela, Iria Rodríguez, Christian Gerpe, Brais Gómez, Patricia Varela, María Brandón, Pablo Garrido e Francisco Rey. As profesoras que os coordinan son Beatriz Cuesta e Basi Pacoret.

Proxecto cooperativo entre concellos

Por sexto ano consecutivo diversos concellos galegos, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), puxeron en marcha este Club de Debate, un programa co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico entre a mocidade. Os concellos que organizan esta sexta edición conxunta son nove: Ames, Carballo, Ferrol, Negreira, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A participación total é de 27 equipos mixtos e máis de 200 rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos de diversos centros de ensino.

A competición divídese en tres fases de zona con nove equipos cada unha. A primeira delas tivo lugar o sábado 4 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra cos equipos de Negreira, Rois e Pontevedra, que debateron sobre se “Debemos acoller as persoas refuxiadas”. Ese foi o mesmo tema da fase que se desenvolveu o venres 10 de marzo en Bertamiráns, Ames, cos equipos dese municipio e mais de Santiago de Compostela. A última das fases será a que teña lugar no Pazo da Cultura de Carballo, este mércores 15 de marzo.

A final galega, o 6 de maio en Santiago de Compostela

Os dous primeiros equipos clasificados en cada unha das zonas desta fase participarán na final galega, que terá lugar o sábado 6 de maio en Santiago de Compostela.

O premio final que agarda ao equipo gañador é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegarse ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.

En consonancia tamén con este obxectivo, o tema sobre o que debaterán na final é: “O futuro da lingua está na mocidade”.

Descargas

Compartir: