Incrementa o teu interese
Fomento do galego no ámbito comercial e empresarial

Carballo é unha vila comercial moi activa e diversa en que conviven modernos comercios cos máis tradicionais, mercado de abastos con supermercados, feira con tendas, etc. Ao mesmo tempo, Carballo tamén ten un sector empresarial bastante amplo, variado e consolidado.
A lingua da maioría da poboación de Carballo é o galego, mais moitas das relacións comerciais formais, sobre todo na sinaléctica, publicidade, etiquetaxe e papelame por parte das empresas e comercios non se fai nesa lingua da maioría da poboación, que, por outra parte, é vista pola cidadanía como o idioma de maior proximidade, asociado co propio e coa calidade.
Por isto, desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo queremos prestarlles apoio continuo aos comercios e empresas do municipio para, ao mesmo tempo, mellorar a calidade comercial e empresarial e incrementar o uso e prestixio do galego nun ámbito tan importante e visible.
Deste xeito, facilitámoslle información e formación continua ao sector a través de accións como cursos, obradoiros, campañas informativas, etc. e, ademais, prestámoslle o asesoramento lingüístico.
Se tes unha empresa ou comercio, podes pedir o noso apoio e asesoramento a través do teléfono 981 704 304 e do enderezo electrónico normalizador@carballo.org.