O proxecto Fórum Carballo é unha iniciativa de cohesión territorial que ten entre os seus obxectivos a dinamización do emprego, a mellora competitiva, a innovación, a creación de sinerxías nos sectores produtivos e o fomento do desenvolvemento sostible como modelo de progreso no municipio de Carballo e a bisbarra de Bergantiños. A iniciativa conta cun presuposto de 4,6 millóns de euros, dos cales o 70 por cento está financiado pola Unión Europea a través dos fondos FEDER, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2007-2013, e o importe restante polo Concello de Carballo.
O espazo físico de Fórum Carballo é un conxunto heteroxéneo levantado no barrio da Milagrosa e formado por cinco edificios, cohesionados entre si e susceptibles de soportar múltiples actividades e modos de uso privados e públicos. As naves aséntanse nunha parcela de 11.000 m², dos cales 6.600 m² están edificados, quedando o resto da parcela urbanizada para ampliar a zona destinada á feira tradicional dos domingos, a zona verde e para lugar de ocio e encontro dos veciños do barrio e dos habitantes do municipio en xeral. A situación de Fórum Carballo na Milagrosa contribuirá, por outra parte, a desenvolver unha actuación urbanística responsable e sostible coa súa contorna máis próxima.
Fórum Carballo conta ademais cun espazo virtual trala creación da páxina web oficial do proxecto (
forumcarballo.org) onde tamén se atopa o primeiro campus en liña da Costa da Morte que facilitará o acceso á formación a través de Internet para todos os públicos.
Ligazóns relacionadas