Un total de seis locais hostaleiros do centro carballés participan na II Ruta do Pincho de Verán, unha iniciativa posta en marcha a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín co obxecto de promocionar os establecementos do núcleo urbano, así como os produtos típicos da zona. Xa é a cuarta convocatoria da Ruta do Pincho e a segunda que se celebra en verán en torno ao feirón do quinto domingo de agosto. Segundo explica García Guillín, participan seis establecementos que respectan a filosofía da iniciativa, que é ofrecer de xeito gratuíto "un pincho de calidade, diferente e único". A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 7 e 29 de agosto, en horario de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Os locais incluídos na Ruta son os seguintes: Habanos 79, O Xabarín, Restaurante Bergantiños, Ánfora Vinoteca, Cafetería El Juzgado e Kasa Klandestino, este último únese por primeira vez á iniciativa. Cada un deles anunciará cada día da ruta o pincho que se corresponde con esa xornada.
O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de certificar a posta en marcha da ampliación do polígono industrial de Bértoa, cunha superficie de 718.000 metros cadrados e con máis de 45 hectáreas de chan industrial distribuído nun total de 128 parcelas. A previsión é que as empresas que se instalen no parque empresarial creen ata 3.000 postos de traballo nos próximos anos. O investimento total para a creación desta ampliación, coa que o polígono conta xa con 1,2 millóns de metros cadrados de superficie, é de 25.736.341 euros, dos que case a metade destináronse á adquisición de terreos e a achega restante aos traballos de urbanización. Núñez Feijóo anunciou a intención da Xunta de "adoptar medidas para flexibilizar a compra de chan", como ampliar o prazo para efectuar os pagos, incrementar o período para solicitar a licenza, ou reducir as fianzas co obxectivo de "crear máis chan empresarial e chan máis accesible".
O Festival Xiria Pop chega á súa edición número trece sen nada que demostrar despois dunha ampla traxectoria, pero coa súa mesma busca da calidade. Desta volta o cartel está conformado por oito grupos que o venres 17 e o sábado 18 de setembro encherán de boa música a sala da Cervexaría Dublín. O venres é a quenda de Wolrus, The Mittens, The Riffbackers e The See See, mentres que o sábado tocan The Allnight Workers, The Shake, Los Chicos e Micky y los colosos del ritmo. A presenza de Micky é un dos grandes atractivos do festival, no que presenta, na súa única actuación programada este ano en Galicia, un novo disco de rock'n'roll. Dende a organización, Xavier Graña explica que "este ano non hai estrelas rutilantes estranxeiras porque non se puxeron a tiro", pero que The See See, chegados dende Londres, son dunha grandísima calidade, ao igual que os grupos españois e galegos. A entrada custa 10€ cada día aínda que pode adquirirse un bono de 15€ para os dous días. As portas ábrense o venres e o sábado a partires das 22.00 horas.
© Concello de Carballo, 2009