Actualidade

SOLICITADAS NOVE ACCIÓNS FORMATIVAS PARA O FÓRUM

O Concello de Carballo asina convenios de prácticas profesionais con 40 empresas do municipio e a súa contorna

O Concello de Carballo asina convenios de prácticas profesionais con 40 empresas do municipio e a súa contorna

05/03/2013 O Concello de Carballo, a través do Centro Municipal de Formación (situado no complexo Fórum Carballo), solicitou á Consellería de Traballo e Benestar un total de nove accións formativas para desenvolver nas instalacións da Milagrosa ao longo do presente exercicio. O Concello faino ao abeiro da orde do 31 de decembro pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma para o ano 2013, e os cursos aos que opta Carballo son os seguintes: cociña, soldadura con electrodo revestido e TIG, operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrónicas e telecomunicacións en edificios, servizos de restaurante, soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG, colocación da pedra natural, montaxe de mobles e elementos de carpintería, programación de sistemas informáticos e administración de servizos de Internet. Todas as accións formativas solicitadas están encamiñadas á obtención dun novo certificado de profesionalidade, o que supón a acreditación das cualificacións profesionais recollidas en cada un deles.

Estas accións fomentan unha formación aberta, flexible e accesible, favorecendo a transparencia do mercado de traballo aos empregadores e aos traballadores. Para a realización das prácticas profesionais non laborais correspondentes a estas accións formativas, o Concello de Carballo vén de asinar diferentes convenios de colaboración con empresas de gran relevancia nos sectores metalúrxico, hostaleiro, construción, electricidade e madeira. O obxectivo perseguido coa realización das prácticas é mellorar a capacitación do alumnado para o óptimo desenvolvemento dunha traxectoria laboral no seu campo profesional. Así, a través deste sistema asegúrase que as cualidades do alumnado en prácticas encaixan coas necesidades do mercado laboral. O número total de empresas participante ascende a 40, das que 33 están situadas no termo municipal de Carballo, mentres que tres pertencen ao Concello de Coristanco, unha a Culleredo, unha a Tordoia, unha a Ponteceso e unha a Vimianzo.

Volver

© Concello de Carballo, 2009