Actualidade

A DISTINCIÓN PREMIA OS SEUS 72 ANOS DE HISTORIA

Mercería As Plateiras protagoniza a campaña "A semana do teu comercio", dedicada ao establecemento máis lonxevo do CCA

Mercería As Plateiras protagoniza a campaña "A semana do teu comercio", dedicada ao establecemento máis lonxevo do CCA

22/01/2013 A Mercería As Plateiras vén de recibir o diploma "A semana do teu comercio" como protagonista da campaña que realiza a Dirección Xeral de Comercio da Xunta para promocionar os locais máis lonxevos dos Centros Comerciais Abertos, e, neste caso, do CCA Carballo. Durante as 52 semanas de 2013 cada un dos 52 Centros Comerciais Abertos de toda Galicia escolle ao seu comercio más antigo, que recibe unha homenaxe en representación do comercio local tradicional. Neste caso recolleu o diploma e o premio Pilar Ferreiro Santos, máis coñecida como "Pila das Plateiras", de 88 anos de idade e que leva xa 72 ao frente da súa tenda. Unha "fazaña" que tanto ela como as súas fillas consideran que sería difícil volver a repetir, aínda que brindaron con cava "para que sexa posible que a tenda siga aberta outros 72 anos máis". Entregaron a distinción a Directora Xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, xunto coa Delegada Territorial da Xunta da provincia da Coruña, Belén do Campo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, e do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, entregoulle así mesmo como lembranza e homenaxe unha escultura de Sargadelos con forma de Carballo. Tamén estivo presente no acto o concelleiro Miguel Ángel Ferreiro Suárez.

Sol María Vázquez explicou que a campaña está pensada para que "a xente recoñeza a importancia do comercio dos veciños", máis tradicional, que contribúe a encher e animar as rúas galegas. Explicou que "de todos os comercios de Galicia, hoxe é a semana do comercio da señora 'Pila das Plateiras'", ao que a propia Pila contestou emocionada "mellor imposible", ademais de subliñar que "nunca me verei noutra así" mentres repartía pasteles e cava entre os asistentes xunto coas súas fillas e unha das súas netas. Ela mesma conta a súa historia dicindo que cando tiña 16 anos, foi cando a súa familia abriu un comercio na rúa Hórreo carballesa, que naquel entón nin sequera estaba aberta na súa totalidade e que dende a tasca a Pedra cara a Praza de Galicia era aínda un camiño. Logo, toda a familia se dedicou ao comercio con tendas de calzado, mobles, roupa ou xoiería, ademais de mercería, ao longo dos anos. Preguntada polo futuro do sector, despois de toda unha vida dedicada a el, explica que "como primeiro paso hai que procurar o equilibrio entre todos os formatos comerciais. Ata o momento parece que as administracións están do lado dos grandes. E penso que se equivocan por completo, preocúpame que cando queiran rectificar xa sexa tarde para unha boa parte do comercio tradicional".

Volver

© Concello de Carballo, 2009