Actualidade

SÁBADO 9 E DOMINGO 10 DE MARZO DE 10.00 A 21.00 HORAS

A V Feira das Oportunidades congrega a máis de 30 establecementos comerciais da vila no Parque do San Mariño

A V Feira das Oportunidades congrega a máis de 30 establecementos comerciais da vila no Parque do San Mariño

20/02/2013 O Centro Comercial Aberto (CCA) coa colaboración do Concello de Carballo e da Dirección Xeral de Comercio organiza a V Feira das Oportunidades, unha cita que ten como obxectivo dinamizar o comercio local e que ten lugar a primeira fin de semana de feira de marzo, o sábado 9 e domingo 10, en horario continuo de 10.00 a 21.00 horas. Un total de 33 establecementos comerciais do municipio poñen á venda nunha carpa no Parque do San Martiño excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés, xa que nesta cita só participan establecementos do municipio que sexan socios do CCA. Este ano hai tres comercios máis que na edición anterior, e os stands son un total de 36 para máis de 500 metros cadrados, xa que tamén asiste La Voz de Galicia e está habilitada unha área de descanso e un stand para o CCA. María del Carmen Freire, xerente do CCA, subliña a variedade de sectores que concorren a esta cita, xa que ademais de moda e complementos, os veciños e veciñas poderán mercar mobles, tecnoloxía e equipamentos ou entrar en espazos de masaxe e fontanería.

A xerente do CCA quere animar ao público a asistir a esta xa quinta edición da Feira das Oportunidades, especialmente polos elevados descontos e a variedade de produtos de ocasión que estarán expostos na cita. O motivo é a frouxa campaña de inverno e de rebaixas que teñen rexistrado os comercios locais, o que fará que haxa máis stocks a disposición dos clientes. En todo caso, Freire tamén quere matizar que a mala campaña do comercio non é exclusiva de Carballo, senón que se ten producido noutras moitas vilas e cidades como reflexo da difícil situación que atravesan as economías familiares. Porén, hai que lembrar que en anos anteriores esta Feira ten congregado a preto de 25.000 persoas visitando o recinto, unha cifra que se acada en parte grazas a que a cita coincide coa celebración do Domingo de Feira na vila, o que contribúe a dinamizar a actividade comercial carballesa. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo manifestar a vontade do goberno local de seguir colaborando co sector comercial do municipio, xa que é "importante reforzalo, potencialo e colaborar" e animou aos veciños e veciñas a que "aproveiten a ocasión para adquirir moi bos produtos".

Volver

© Concello de Carballo, 2009