Actualidade

ENTRE O 27 E O 30 DE SETEMBRO NA CONTORNA DA RÚA PERÚ

Carballo celebra unha nova edición da Oktoberfest con cervexa, comida típica bávara e actuacións musicais durante catro días

Carballo celebra unha nova edición da Oktoberfest con cervexa, comida típica bávara e actuacións musicais durante catro días

20/09/2012 A festa máis coñecida e internacional da cervexa, a Oktoberfest, cumpre en Carballo a súa terceira edición neste ano 2012. Comida típica bávara, cervexa e música para amenizar a festa durante toda a tarde e a noite. Este ano a cita celébrase os días 27, 28, 29 e 30 de setembro na explanada da rúa Perú, detrás da antiga estación de autobuses. Dentro da carpa climatizada están programadas cada día actuacións musicais en directo, concertos e sesións de dj, ademais da degustación de produtos típicos alemáns xunto coa cervexa Paulaner. Así mesmo, está previsto habilitar unha zona infantil para o entretemento dos máis cativos e cativas. Os principais pratos e produtos que se poden encontrar na Oktoberfest van dende salchichas ata patacas fritidas ou albóndegas. Así, está o hot dog xigante, con salchicha alemá de 50 centímetros de longo que se complementa con diversas salsas, leituga, cebola, etc.; hot dog alemán, un combinado de salchichas alemás de diversos tipos e acompañadas de puré entre diversas gornicións; e cocktail de salchichas, patacas fritas, albóndegas de atún, etc. Está por confirmar a dispoñibilidade de racións de callos. A carpa estará aberta cada día a partires das 18.00 horas e ata ben entrada a noite, excepto o día da apertura, o xoves 27, en que será a partires das 20.00 horas.

Respecto da programación musical máis polo miúdo, o xoves está prevista a presenza de Os Revenidos e un dj invitado a partires das 23.00 horas. O venres 28 é a quenda do grupo coruñés de rock Stoner Hill, o grupo carballés Versión Imposible -creado en 2009, ofrecen versións de célebres grupos de pop-rock- e Djs Bogaboga, a partires das 22.00 horas. O sábado 29, tamén a partires das 22.00 horas, estarán os grupo coruñés de pop-rock Los Mecánicos, os laxenses O tren da unha e de novo Djs Bogaboga para pechar a noite. Por último, o domingo a partires das 18.30 horas está prevista a actuación de Gentleman Band. E respecto da cervexa, cuxa presenza na cita é fundamental, haberá Paulaner con e sen alcohol, así como refrescos de todo tipo e augas. Hai que mencionar que, dende os seus comezos, a marca de cervexa Paulaner ten estado ligada á celebración deste festival. Cada ano son máis dun millón xerras de cervexa que se serven no Oktoberfest alemán.

Volver

© Concello de Carballo, 2009