Actualidade

O LUNS 24 PRINCIPIA A PARTE PRÁCTICA

O Fórum acolle o segundo curso de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados incluído no plan AFD

O Fórum acolle o segundo curso de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados incluído no plan AFD

18/09/2012 Un total de 15 alumnos participan xa dende o martes 11 de setembro no segundo curso de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados, unha actividade que finaliza o 15 de decembro e que está incluída no Plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Xunta de Galicia. Neste momento os participantes na actividade formativa, de 458 horas de duración, están desenvolvendo o módulo de prevención de riscos laborais -que imparte Bergantiños Solucións Laborais-, mentres que a partires do luns 24 de setembro pasarán a realizar a parte práctica do curso. Esta actividade completa o primeiro curso de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras -neste caso de 653 horas- que, dentro do mesmo plan da Xunta, se desenvolve tamén no Fórum Carballo. Comezou a primeiros de agosto con outros 15 alumnos, momento no que o recinto empezou a impartir a súa oferta formativa e a ocupar os talleres do complexo, neste caso os de soldadura (na imaxe). Os dous cursos contan cos contidos establecidos no convenio sobre seguridade e saúde, técnicas básicas de prevención, primeiros auxilios e dereitos e obrigas dos traballadores, así como cun módulo de inserción laboral e outro de igualdade de oportunidades. A parte práctica céntrase no corte para construcións metálicas e outras actividades relacionadas coa soldadura. Entre o orzamento de formación e o módulo de axudas, as actividades teñen unha subvención de 168.461,65 euros.

Así mesmo, hai que lembrar que o Concello de Carballo está inmerso nestes momentos nun proceso para homologar as especialidades formativas que se impartirán no recinto. Estase tramitando a aprobación de 15, ademais das oito xa concedidas a primeiros do pasado mes de maio e que son: cociña, caldereiro industrial, deseñador web e multimedia, ebanista, soldador de estruturas metálicas, xefe de sala-maître, informática de usuario e cachoteiro. As quince que se están tramitando son: soldadura oxigás e mig/mag, montador de estruturas metálicas, soldadura con electrodo revestido e tig, operacións básicas de cociña, operacións básicas de restaurante-bar, servizos de bar e cafetería, control de proxectos e obras de construción, colocación de pedra natural, administración de servizos de Internet, programación de sistemas informáticos, instalación de mobles, montaxe de mobles e carpintaría, mantemento de elementos non estruturais de carrozaría de vehículos, operador auxiliar de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios e montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión. O Fórum Carballo conta cun total de cinco edificios dos que tres están destinados especificamente a acoller talleres formativos: as naves 3, 4 e 5. A 3 está reservada para os talleres de soldadura e pintura,electricidade e automoción. No edificio 4 atópanse as instalacións para o sector da hostalería e para os obradoiros de carpintaría de madeira e metálica. Por último, no edificio 5 está a área dedicada á construción.

Volver

© Concello de Carballo, 2009