Actualidade

ANÁLISE DA SITUACIÓN DO SECTOR

A Mesa Local de Comercio mantivo unha xuntanza na que se aprobou o calendario de actividades de promoción do CCA

A Mesa Local de Comercio mantivo unha xuntanza na que se aprobou o calendario de actividades de promoción do CCA

18/06/2012 A Mesa Local de Comercio de Carballo vén de manter unha xuntanza na que un dos puntos da orde do día foi a aprobación do calendario de actividades de promoción do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo. A reunión enmárcase dentro do compromiso adquirido na anterior sesión, celebrada en febreiro deste ano, de manter citas periódicas, alomenos cada tres meses, co obxectivo de manter informados aos comerciantes sobre temas municipais que poden ter incidencia na súa actividade, como as reformas incluídas no plan de tráfico do Concello ou as medidas adoptadas para mellorar a mobilidade. De feito, outro dos asuntos abordados na reunión foi o de dar conta da recente ampliación da Zona Azul, que recibiu luz verde no pleno do mes de maio. Así, incorpóranse a marxe esquerda impar da rúa Álvarez de Sotomaior; a marxe dereita par da rúa Gravador Manuel Facal; toda a rúa Barcelona até o cruce coa rúa Luís Calvo; e a rúa Luís Calvo na marxe esquerda dos números 11 (intersección coa rúa Saúde) ao 23, ata un total de 64 novas prazas. Por último, un dos obxectivos da Mesa é o de facer un seguimento da situación do comercio local da vila, especialmente nos momentos actuais de crise, como así se fixo durante a xuntanza, na que se analizaron as circunstancias que vive o sector.

Estiveron na cita, na que tamén se aprobou a acta da sesión anterior, o Concelleiro delegado de Promoción Económica, Xestión Municipal e Normalización Lingüística, Xosé Regueira; o Concelleiro do PP, Miguel Ángel Ferreiro Suárez; María del Carmen Freire, xerente do CCA (Centro Comercial Aberto); Yolanda Pérez en representación da OCU (Organización de Consumidores e Usuarios); e Víctor Tello, Xefe do servizo provincial do Instituto Galego de Consumo.

Volver

© Concello de Carballo, 2009