22/05/2012 A formación, a mellora dos procesos de innovación e a aposta polos canais de comercialización online son algúns dos retos que deberá afrontar o sector turístico da Costa da Morte nos próximos anos para adaptarse ao novo modelo económico e aos cambios nos hábitos de consumo. Estas son algunhas das conclusións do estudo "Aproximación dos produtos turísticos emerxentes en Carballo e a súa área de influencia" elaborado en 2011 pola Cámara de Comercio da Coruña a través da Antena Local de Carballo (que conta coa colaboración do Concello) e a través do Observatorio Económico Local. Esta análise vén de ser presentada no Viveiro de Empresas do Polígono Industrial de Bértoa polo presidente da Cámara da Coruña, Marcelo Castro-Rial Schuler; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e Ángel Noguerol Urrutia, técnico da Antena Local. A presentación tivo lugar despois da reunión mensual do Comité Executivo da Cámara, que por vez primeira se celebrou en Carballo. Durante o acto, Ferrero agradeceu a colaboración da institución cameral e desexou que, coa colaboración de traballadores, empresarios e institucións, "superemos estas circunstancias adversas" e se constitúa, a través do porto exterior, o eixo industrial Arteixo-A Laracha-Carballo, porque "só con proxectos comúns seremos quen de remontar".
No que respecta ao estudo, as súas conclusións reflicten unha panorámica polo miúdo do sector turístico da zona, identificando os produtos turísticos "emerxentes" máis interesantes para Carballo e a súa área de influencia. Todo enmarcado no novo escenario mundial que supón a crise económica, así como os cambios que se están producindo, tanto no modelo económico como nos hábitos de consumo. A Antena de Carballo ten identificado ata 19 produtos emerxentes na Costa da Morte, entre os que se atopan o turismo activo, o cicloturismo, o turismo ecuestre, o submarinismo, a náutica, etc. Tamén hai que subliñar o turismo solidario, neste caso relacionado coa catástrofe do afundimento do "Prestige", que segue a xerar visitas, o turismo histórico, o etnográfico, o cinematográfico, o relixioso e espiritual (coa prolongación do Camiño de Santiago), o termal ou de saúde, o destinado a solteiros/as e o da terceira idade. Respecto de estatísticas, o estudo indica que o turista español supuxo un 80 por cento do total, mentres que o estranxeiro acada un 20 por cento, cunha porcentaxe cada vez maior. Os países con máis turistas foron Alemaña, Francia, Italia e Portugal. Así mesmo, tense detectado un descenso na demanda nos últimos anos, tanto en viaxeiros como en estadía media, a causa da crise.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009