Actualidade

COMEZA O PROCESO PARA OBTER OUTRAS 15 CERTIFICACIÓNS

O Fórum ocupa todos os seus talleres co visto e prace para a homologación de oito especialidades formativas

O Fórum ocupa todos os seus talleres co visto e prace para a homologación de oito especialidades formativas

09/05/2012 A Xunta de Galicia vén de acreditar ao Concello de Carballo para impartir oito especialidades formativas no recinto Fórum Carballo polo que o complexo poderá funcionar ao cen por cen. Así, concedeuse a homologación para emitir os seguintes certificados de profesionalidade: cociña, caldereiro industrial, deseñador web e multimedia, ebanista, soldador de estruturas metálicas, xefe de sala-maître, informática de usuario e cachoteiro. Con estas oito especialidades todas as naves do Fórum equipadas con talleres contarán con actividade formativa. Está previsto tamén achegar nova documentación para poder acadar outras cinco especialidades xa solicitadas. Así mesmo, a Concellaría de Formación que dirixe Marcos Trigo informa de que está previsto iniciar os trámites para obter a certificación doutras 15: soldadura oxigás e mig/mag, montador de estruturas metálicas, soldadura con electrodo revestido e tig, operacións básicas de cociña, operacións básicas de restaurante-bar, servizos de bar e cafetería, control de proxectos e obras de construción, colocación de pedra natural, administración de servizos de Internet, programación de sistemas informáticos, instalación de mobles, montaxe de mobles e carpintaría, mantemento de elementos non estruturais de carrocería de vehículos, operador auxiliar de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios e montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión.

O recinto Fórum Carballo conta cun total de cinco edificios dos que tres están destinadas especificamente a acoller talleres formativos: as 3, 4 e 5. O edificio 3 está reservado para os talleres de soldadura e pintura, ademais de contar con aulas para desenvolver módulos de electricidade e un taller de automoción. No edificio 4 atópanse as instalacións para desenvolver actividades formativas relacionadas co sector da hostalería, que contan cunha cociña de 15 lumes, ademais de con todo o equipamento necesario como refrixeradoras, unha barra ou utensilios de cociña. Neste mesmo edificio, no segundo andar, están as instalacións para os obradoiros de carpintaría de madeira e metálica, ademais de aulas e servizos asociados. Por último, no edificio 5 está a área dedicada á construción, cun espazo para o taller de canteiría, e unha aula de informática. No que respecta ao edificio 1 está equipado para desenvolver todo tipo de actividades de formación, orientación e promoción empresarial. Conta cun espazo para exposicións (138 metros cadrados), un salón de actos (284 metros cadrados) e salas multiusos. O edificio 2, está destinado á orientación laboral e promoción empresarial, coas dependencias municipais de Promoción Económica e do Centro de Formación. Está previsto que no mesmo edificio tamén se instale a oficina do Servizo Público de Emprego Estatal e Servizo Público de Emprego da Xunta de Galicia así como a oficina da Consellería de Medio Rural e Sanidade Animal.

Volver

© Concello de Carballo, 2009