27/04/2012 O xurado do Concurso de Escaparatismo incluído no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial de Carballo vén de dar a coñecer os premiados deste certame, celebrado no marco do Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Así, de entre os 21 participantes, o primeiro premio recaeu na tenda de roupa infantil Tiana (na imaxe), que poderá contar coa elaboración especializada de tres escaparates ao longo da tempada, elixindo as épocas máis propicias, como poden ser Rebaixas ou Nadal; o segundo foi para As Plateiras, que obtén dous escaparates; e o terceiro premio recaeu en Mónica Vecino, que disporá dun escaparate ao longo da tempada. O xurado estivo formado, por parte do Concello, polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, pola Axente de emprego e Desenvolvemento Local e pola Técnica de Turismo; por parte do tecido comercial por un representante do Centro Comercial Aberto (CCA), e por parte dos expertos por un representante da consultora I2Estudio. Á hora de conceder os galardóns, tívose en conta non só a vistosidade dos escaparates, senón tamén o aproveitamento do espazo ou a adopción das recomendacións realizadas pola consultora.
O concurso enmárcase dentro das actuacións do Concello, a través da Concellaría de Promoción Económica, para fomentar actuacións que dinamicen o comercio local. O certame ten como obxectivo complementar o Plan de Mellora da imaxe Comercial, así como premiar o esforzo dos establecementos participantes por mellorar. Hai que lembrar que ata 36 establecementos tiñan a posibilidade de optar ao concurso, once comercios que participaron no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo e os 25 que tomaron parte no I Plan, a excepción dos galardoados na primeira edición do certame (Estanco Varela, O Barco dos Soños, Adamela e Floristería Tropicana). O certame chega como complemento ao desenvolvemento do plan, que estableceu que cada un dos locais participantes contara cun informe especializado realizado por unha consultora a partir do que se elabora un dossier no que se analizan a faciana, o escaparate e o interior da tenda, así como a colocación do produto no establecemento. Así, os comerciantes dispoñen dunha análise de situación, unha diagnose e visitas personalizadas a cada local nas que se analizan os rótulos, a iluminación, o xeito en que están expostos os produtos, o mobiliario ou a rendibilidade do punto de venda. Con eses datos elabórase un informe coas carencias e fortalezas da tenda, ademais dunha ficha técnica do establecemento. O obxectivo final é axudar ao tecido comercial a que mellore o rendemento do seu negocio.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009