26/03/2012 Un total de 21 establecementos comerciais de Carballo participan no Concurso de Escaparatismo do II Plan de Mellora da Imaxe Comercial do Concello incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial que se está a desenvolver dentro do proxecto Fórum Carballo. Este concurso, que pechou o seu prazo de inscrición o venres 23 de marzo, ofrécelles a posibilidade aos premiados de que profesionais especializados realicen a montaxe dos seus escaparates en distintos momentos ao longo do ano. Esta iniciativa enmárcase dentro das actuacións do Concello, a través da Concellaría de Promoción Económica, para fomentar actuacións que dinamicen o comercio local. O certame ten como obxectivo complementar o Plan de Mellora da imaxe Comercial, así como premiar o esforzo dos establecementos participantes. Concederanse tres premios para a elaboración de 6 escaparates, incluíndo decoración, panelado e montaxe, e distribuiranse do seguinte xeito aos proxectos que obteñan unha maior puntuación segundo o ditame do xurado: Primeiro premio, elaboración de 3 escaparates; Segundo premio, elaboración de 2 escaparates; Terceiro premio, elaboración de 1 escaparate.
Hai que lembrar que ata 36 establecementos tiñan a posibilidade de optar ao concurso, once comercios que participaron no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo e os 25 que tomaron parte no primeiro. O certame chega como complemento ao desenvolvemento do plan, que estableceu que cada un dos locais participantes contara cun informe especializado realizado por unha consultora a partir do que se elabora un dossier no que se analizan a faciana, o escaparate e o interior da tenda, así como a colocación do produto no establecemento. Así, os comerciantes dispoñen dunha análise de situación, unha diagnose e visitas personalizadas a cada local nas que se analizan os rótulos, a iluminación, o xeito en que están expostos os produtos, o mobiliario ou a rendibilidade do punto de venda. Con eses datos elabórase un informe coas carencias e fortalezas da tenda, ademais dunha ficha técnica do establecemento. Durante o concurso valorarase tanto a vistosidade dos escaparates como o aproveitamento do espazo ou a adopción das recomendacións da consultora encargada de asesorar aos establecementos.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009