22/02/2012 O Centro Comercial Aberto (CCA), coa colaboración do Concello de Carballo e a Xunta, organiza a IV Feira das Oportunidades na que participan un total de 28 establecementos comerciais do municipio que poñen á venda excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. Segundo explica a xerente do CCA, María del Carmen Freire, os descontos poden chegar incluso ata o 80 por cento en produtos moi variados que abranguen sectores como moda, deportes, informática, mobles, iluminación e por primeira vez cun stand dedicado a electrodomésticos. A cita desenvólvese na fin de semana do 10 e 11 de marzo nunha carpa de más de mil metros cadrados situada no aparcamento do Parque do San Martiño e contará con 31 stands que ocuparán uns 530 metros cadrados: 28 de comercios do CCA, e outros tres destinados á información e como área de descanso. O horario de apertura é de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida.
O orzamento estimado para a celebración da Feira é duns 25.000 euros, que serán achegados polos establecementos participantes, polo Concello, por unha axuda da Xunta de Galicia e tamén con fondos propios do CCA. En anos anteriores, a Feira ten congregado arredor de 25.000 persoas visitando o recinto, unha cifra que se acada en parte grazas a que a cita coincide coa celebración do Domingo de Feira na vila, o que contribúe a dinamizar a actividade comercial carballesa. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, espera que a Feira constitúa "un espaldarazo para o comercio" para "compensar un ano complicado para todos os sectores económicos". Tamén subliñou que o Goberno local ten como obxectivo adoptar medidas para darlle pulo ao comercio, xa que é "a primeira potencia económica do Concello".Buscador:
© Concello de Carballo, 2009