09/02/2012 A Mesa Local de Comercio de Carballo vén de manter unha xuntanza na que un dos principais obxectivos foi o de darlle o visto e prace á celebración da IV Feira das Oportunidades, unha cita que terá lugar os días 10 e 11 de marzo nunha carpa no Parque do San Martiño. Esta feira congrega a varios establecementos comerciais do municipio, que poñen á venda produtos excedentes de tempada moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. A reunión tamén serviu para realizar un balance da actividade do sector durante o ano 2011. Segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, os comerciantes consideran que os resultados non son os mellores xa que a crise está tendo unha grande repercusión nos seus negocios, mais a potencialidade das feiras de Carballo, xunto con outras iniciativas como o Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo -que nestes momentos mantén en marcha a súa segunda fase- , contribúen ao mantemento e á actualización do sector. Así, os comerciantes informan de que a pesares de que é certo que teñen pechado bastantes establecementos, tamén se rexistra un incremento nas aperturas.
Outro dos asuntos tratados durante á xuntanza foi a proposta de manter reunións periódicas da Mesa Local de Comercio, alomenos cada tres meses. O obxectivo sería o de manter informados aos comerciantes sobre temas municipais que poden ter incidencia na súa actividade, como as reformas incluídas no plan de tráfico do concello ou as medidas adoptadas para mellorar a mobilidade. As reunións tamén servirían para informar directamente ao sector das liñas de colaboración que poña en marcha a administración local para impulsar o comercio local. Na xuntanza da Mesa Local de Comercio estiveron presentes o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; o Concelleiro do PP José Lado; así como María del Carmen Freire, xerente do CCA (Centro Comercial Aberto); Yolanda Pérez en representación da OCU (Organización de Consumidores e Usuarios); e Víctor Tello, Xefe do servizo provincial do Instituto Galego de Consumo. Os representantes do Goberno municipal acompañaron a Tello nunha visita ao mercado municipal, así como aos postos da feira, xa que quixo coñecer de primeira man as novas instalacións así como observar o desenvolvemento do mercado dos xoves.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009