Actualidade

ESTUDANTES DE MEDICINA APRENDEN AS CLAVES DESTA TERAPIA

O Balneario de Carballo convértese por un día no centro da hidroloxía médica de Galicia

O Balneario de Carballo convértese por un día no centro da hidroloxía médica de Galicia

08/11/2011 O Balneario de Carballo convértese durante a xornada do martes 8 de novembro nun importante punto neurálxico da hidroloxía médica galega coa celebración dunhas xornadas dirixidas case en exclusiva a estudantes de Medicina nas que se reflexiona sobre as claves desta disciplina que, segundo José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia -organizadora da cita coa colaboración co Balneario- "conta cunha tradición de máis de 2.000 anos de historia". O obxectivo desta sesión monográfica, que se prolonga durante todo o día e que inclúe sesións teóricas e prácticas, é o de "abrir os balnearios aos estudantes" para que teñan contacto con eles e poidan experimentar a súa eficacia. Carro Otero subliñou durante a sesión inaugural que "a balneoterapia volve rexurdir" e que centros termais como o de Carballo "curan, pero tamén son puntos de dinamización socioeconómica nas súas zonas respectivas". O Alcalde, Evencio Ferrero, que participou no acto de apertura, afirmou que "a puxanza que ten a vila de Carballo non sería posible sen a aparición e optimización deste balneario", que deu pulo ao centro carballés. Ferrero agradeceu "a confianza depositada en Carballo" para celebrar esta cita a nivel galego e desexou aos asistentes que desfruten das instalacións e que volvan no futuro.

No acto de apertura tamén estivo a Xefa Territorial da provincia da Coruña da Consellería de Sanidade, Emma Rego Valcarce. Rego quixo resaltar o "grande cambio" que teñen sufrido os balnearios nos últimos tempos, xa que "ademais de para tratamentos termais, téñense convertido nun elemento de ocio". Lembrou que as augas de Carballo declaráronse de utilidade pública en 1928 e subliñou que dende a Consellería estase traballando para elaborar una guía deste tipo de técnicas curativas. No que respecta ao contido da xornada, que ten lugar "nunhas instalacións remodeladas e moi modernas", en verbas de José Carro Otero, consta dunha parte teórica pola mañá e outra práctica pola tarde. Na teórica, reflexiónase sobre a acción positiva das curas termais, que redundan na mellora da calidade de vida dos pacientes, ademais de falar sobre as claves da hidroloxía, os balnearios como empresa ou sobre a composición e indicacións concretas das augas carballesas. Pola tarde, a partires das 16.30 horas, comeza a sesión práctica, cunha visita e utilización das instalacións do Balneario co apoio do seu persoal técnico. Así, os asistentes exercen tanto de médicos como de pacientes, aplicando e recibindo os tratamentos termais para poder coñecer de primeira man as accións terapéuticas e experimentar os seus beneficios.

Os interesados e interesadas en consultar o programa da xornada ao completo poden facelo nesta mesma nova.

Volver

© Concello de Carballo, 2009