21/07/2010 O Concello de Carballo, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, convoca aos locais hostaleiros a participar na II Ruta do Pincho de Verán, co obxecto de promocionar os establecementos do núcleo urbano, así como os produtos típicos da zona. Poderán participar todos aqueles establecementos, restaurantes e bares situados na capital municipal carballesa. A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 7 e 29 de agosto, en horario de sábados e domingos de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Os establecementos interesados deberán presentar a súa solicitude na Oficina de Información Turística situada no Museo de Bergantiños antes das 20.00 horas do día 28 de xullo de 2010. Os establecementos servirán as tapas de xeito gratuíto con cada consumición.
Segundo se especifica nas bases, os pinchos serán necesariamente de elaboración propia e só se admitirán as receitas que se poidan servir ou elaborar como tapa. Deberán realizarse receitas temáticas e creativas e cunha presentación coidada. Cada establecemento colaborador presentará un pincho distinto cada día de celebración do evento, e deberá entregar ao Concello, de forma previa ao inicio da ruta, a listaxe dos pinchos participantes, así coma publicar no propio local, cada día da ruta, o pincho do día. Os clientes participantes na II Ruta do Pincho de Verán poderán, como en edicións anteriores das rutas, participar no sorteo de dous premios, aínda sen especificar. Hai que lembrar que a iniciativa das Rutas do Pincho están incluídas dentro das actividades dos Feiróns de Tempada, neste caso no Feirón de Verán que ten lugar o domingo 29 de agosto.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009