28/05/2010 Un total de 200 inscritos e inscritas participan, entre o venres 28 e o domingo 30 de maio, nas V Xornadas de Enerxías Renovables e Aforro Enerxético que organiza a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños, Axober, e que contan co patrocinio do Concello carballés. No acto de inauguración o presidente de Axober, José Figueiras, subliñou a importancia das enerxías renovables como un xeito de acadar novos retos e de apostar pola competitividade e pola creación de emprego, ademais de que constitúen un nicho de mercado e un xacemento de emprego en auxe. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, encargado da inauguración oficial da cita, resaltou as enerxías renovables como unha "oportunidade", especialmente en tempos de crise, e desexou que a súa implantación sexa o máis rápida posible. Así mesmo, felicitou a Axober por "apostar novamente pola sustentabilidade". O encargado de ofrecer a primeira ponencia foi Eliseo Diéguez, Director Xeral do Inega, que reflexionou sobre o 'Presente e futuro das enerxías renovables'.
Eliseo Diéguez ofreceu un panorama xeral da situación das enerxías renovables en Galicia e das súas perspectivas de futuro. Hoxe en día, as enerxías inesgotables máis aproveitadas son a hidráulica e a eólica, e estanse dando os primeiros pasos para xeneralizar a solar e estudar as posibilidades doutras como a xeotérmica ou a oceánica. Nestes momentos, as enerxías renovables constitúen o 45,5% da electricidade neta producida en Galicia, e dende o ano 2000 tense producido unha importante evolución crecente. O Plan Enerxético Estratéxico 2010-2015 que está nestes momentos en proceso de elaboración, ofrece as claves de futuro, que pasan pola potenciación da enerxía solar, tanto fotovoltaica como térmica, ou da eólica e a biomasa. Así, a masa forestal galega medra catro veces máis que a dos países nórdicos europeos, uns dos que máis biomasa producen.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009