Actualidade

ABERTO O PRAZO PARA ANOTARSE NUNHAS XORNADAS SOBRE O PAN

O Concello xa prepara a celebración do Feirón de Verán e da vindeira Ruta do Pincho no mes de agosto

O Concello xa prepara a celebración do Feirón de Verán e da vindeira Ruta do Pincho no mes de agosto

27/05/2010 O Museo de Bergantiños vén de acoller unha xuntanza entre representantes do sector hostaleiro de Carballo e dos panadeiros adscritos á marca 'Pan de Carballo' xunto co Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel García Guillín, para planificar as actividades a desenvolver de forma conxunta para os vindeiros meses. Entre outras cousas, nesta reunión acordouse a continuación da Ruta do Pincho de Verán dentro da programación do Feirón de Verán que terá lugar o vindeiro mes de agosto, para o que xa está aberto o prazo para os locais que queiran participar. Esta iniciativa terá lugar ao longo de varias fins de semana durante as que se ofrecerán pinchos creativos de balde coas consumicións. Os locais hostaleiros de Carballo teñen acollido até o momento dúas Rutas do Pincho, o pasado verán e en inverno, nas que teñen participado 16 locais na primeira edición e 11 na segunda. O obxectivo desta iniciativa é a promoción dos establecementos hostaleiros, pero tamén dos diferentes Feiróns de Tempada e os produtos da terra, xa que é unha actividade ligada ás feiras dos quintos domingos de mes.

Tamén os hostaleiros e panadeiros de Carballo están a traballar nunhas xornadas dedicadas ao pan e á gastronomía típica da zona, que se celebrarán durante unha fin de semana do mes de setembro, para a que xa está aberto o prazo ata o vindeiro 1 de xuño para os locais e panaderías interesadas en participar no evento. Trátase dunha cita máis para promocionar a marca 'Pan de Carballo', como a propia festa do pan, a celebración do festival Panxea ou a presenza deste produto, representativo de Carballo, nos Feiróns de Tempada, entre outras actuacións. O proceso de creación da marca 'Pan de Carballo' púxose en marcha en 2006. Naquel entón 13 establecementos do municipio adscribíronse á marca co obxectivo de proporcionarlle un distintivo de calidade ao produto grastronómico máis representativo do municipio.

Respecto dos Feiróns de Tempada, celébranse dende o ano 2008 cando o Concello, en colaboración cos diversos sectores empresariais da zona, decidiu promover os catro Feiróns que se celebran ao longo do ano, que xeralmente coinciden coas estacións de Primavera, Verán, Outono e Inverno. Así, coincidindo co mercado dos quintos domingos de mes, os visitantes poden coñecer a oferta agroforestal, comercial e industrial das empresas do municipio e desfrutar dela. Dentro deste marco inclúese a iniciativa Merca-do-bo, na que se potencian os hábitos de vida saudable (dentro do programa Carballo Saudable) potenciando o consumo de produtos frescos e da terra, relacionando o mercado tradicional e a dieta atlántica para acadar unha alimentación sa.

Para inscribirse ben na III Ruta do Pincho ou nas xornadas gastronómicas dedicadas ao pan, os establecementos interesados poderán informarse na Oficina de Información Turística de Carballo (Museo de Bergantiños, Rúa Martín Herrera nº 8 ) ou no teléfono 981 702 077.

Volver

© Concello de Carballo, 2009