13/05/2010 O Pazo da Cultura de Carballo acolle os días 28, 29 e 30 de maio as V Xornadas de Enerxías Renovables, Aforro Enerxético e Medio Ambiente coa vontade de xerar emprego e acadar novas oportunidades de negocio na capital de Bergantiños e na comarca. Un total de 15 ponencias constitúen o programa, elaborado pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) coa significativa colaboración do Concello de Carballo, entre outras institucións. José Figueiras Garrido, presidente de Axober, destaca a dificultade de manter a calidade e o elevado nivel das xornadas en época de crise, e agradeceu a colaboración de todas as persoas implicadas na organización. O deseño desta cita persegue buscar as últimas novidades, os novos nichos de mercado das enerxías e as novidades procedentes do mundo da investigación. Os interesados e interesadas poden inscribirse, de xeito gratuíto, até o xoves 27 de maio a través da rede no enderezo de Internet: <www.axober.com/xornadas>. As xornadas complétanse coa presenza dunha carpa coa habitual exposición de produtos a carón do edificio do Pazo da Cultura.
Ademais de manter a súa alta calidade, as intervencións das V Xornadas de Enerxías Renovables céntranse, segundo explica Raúl Cantorna, da xunta directiva de Axober, non só nas novidades do sector, senón tamén nunha memoria do que se ten feito até o de agora. Entre os temas, abordaranse asuntos coma o marco lexislativo, as axudas existentes, as alternativas de alta eficiencia nos paneis solares ou do futuro do biodiesel. Tamén está previsto que as conferencias falen da Axencia Enerxética Provincial, das bombas de calor, das enerxías xeotérmica e mariña, do modelo de Sogama, da sustentabilidade, das claves da Conferencia de Copenhague e a súa influenza nas estratexias enerxéticas e, por suposto, da enerxía solar térmica e fotovoltaica. O programa recolle a participación de máis dunha ducia de expertos de recoñecido prestixio, algúns deles vellos coñecidos das xornadas, como o enxeñeiro Raúl Zorita Díaz, e con especialistas de fabricantes como Saunier Duval, Baxi Roca, Sonnenkraft ou Gas Natural. Todas as intervencións terán lugar no salón de actos do Pazo da Cultura.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009