Actualidade

O 19 E 20 DE MAIO NO VIVEIRO DE EMPRESAS DO POLÍGONO

A claves para afrontar a crise económica e o I Encontro de Viveiristas, principais temas de Carballo Emprende 2010

A claves para afrontar a crise económica e o I Encontro de Viveiristas, principais temas de Carballo Emprende 2010

07/05/2010 O mércores 19 e o xoves 20 de maio o Viveiro de Empresas do Polígono de Bértoa acolle a celebración da terceira edición das xornadas Carballo Emprende, organizadas polo Concello xunto coa Cámara de Comercio da Coruña. Trátase dunha cita "consolidada", que este ano incrementa a súa "especialización" e "calidade", segundo subliña o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. Nesta nova andaina os temas das xornadas divídense en dúas liñas. Unha destinada a mellorar a capacitación profesional dos empresarios, centrada na crise económica e en ofrecer solucións para as empresas da zona cunha conferencia a cargo de Jesús Ferradás González, presidente de Optimer e consultor formador de ESIC. E outra encamiñada á especialización e á emprendeduría coa celebración do I Encontro de Viveiristas. As xornadas complétanse coa entrega dos III Premios Carballo Emprende, uns galardóns "consolidados e de referencia de cara á dinamización empresarial e ao fomento da emprendeduría", subliña García Guillín. As inscricións están abertas até o luns 10 de maio.

O mércores 19 é a quenda da apertura de Carballo Emprende e da celebración ás 18.45 horas do I Encontro de Viveiristas, ao que seguirá unha mesa redonda ás 20.30 horas. O obxectivo é promover os encontros sectoriais, coa intención de que se repitan nas seguintes edicións atendendo a diferentes ámbitos. Neste caso tócalle aos viveiristas coa arela de "mostrar os instrumentos de apoio das novas empresas co papel dos viveiros e a través da Fundación Incyde", segundo explica Carlos Fernández, Xefe de Promoción da Cámara. Esta cita contará tamén coa presenza de membros da Cámara de Comercio de Oviedo, así como coa testemuña do xerente de Ewan Clothing, unha recente empresa de venda de urban wear de Avilés que ten grande éxito en parte grazas á aplicación de novidosos métodos, como o emprego de diferentes canais de distribución, incluíndo Internet. A figura do viveirista ten especial relevancia en Carballo, onde o Viveiro de Empresas, xestionado pola Cámara de Comercio, está ao 90 por cento de ocupación, cun total de 16 proxectos e un pendente de aceptación, quedando tan só unha praza libre.

O xoves 20 Carballo Emprende céntrase na crise económica cunha sesión ás 18.45 horas sobre "As decisións críticas na empresa en tempos de crise", que impartirá Jesús Ferradás González, presidente de Optimer e consultor formador de ESIC. O seu obxectivo será ofrecer actuacións concretas que poden realizar as empresas da comarca para afrontar a crise económica, co obxectivo de acadar a capacitación profesional do tecido empresarial. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou durante a presentación das actividades o alto nivel do programa, destinado a favorecer a apertura de novos espazos económicos para os emprendedores, así como para que os viveiristas intercambien pareceres e experiencias. Tamén resalta a situación actual de crise e a importancia de que se tenten ofrecer claves para afrontala, "especialmente nun momento no que o paro castiga duramente as economías familiares" e tendo en conta que Carballo ten 3.500 parados rexistrados. Ás 21.00 horas entréganse os Premios Carballo Emprende.

Os interesados e interesadas en consultar as bases dos III Premios Carballo Emprende, para os que as inscricións están abertas até o luns 10 de maio ás 13.00 horas, poden facelo nesta mesma nova. Tamén pode obterse máis información, tanto sobre as xornadas como sobre os galardóns, no 981 757 599.

Volver

Ligazóns relacionadas

© Concello de Carballo, 2009