23/01/2010 Despois da exitosa experiencia da I Ruta do Pincho de Verán, o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, e en colaboración cos locais hostaleiros do casco urbano, pon en marcha a I Ruta do Pincho de Inverno, que ten lugar entre o 30 de xaneiro e o 28 de febreiro. Un total de once establecementos de restauración participan na iniciativa, que comeza coincidindo coa celebración do Feirón de Inverno 2010 o último domingo de xaneiro. O horario da iniciativa é os sábados e domingos de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas, cunha pequena variación respecto do Pincho de Verán (en que era de 12.00 a 14.00 horas). Tamén está previsto mellorar os premios para os veciños e veciñas que participen, xa que poderán gañar unha estadía no Balneario de Carballo, ou ben unha cea por valor de 100 euros nun dos locais hostaleiros que colaboran na ruta.
Outra das diferencias respecto do Pincho de Verán é o incremento na calidade dos pinchos. Así, os establecementos xa teñen entregado unha listaxe dos pinchos que van ofrecer cada día para subir a esixencia na súa presentación e elaboración. Algunhas das apostas son: crêpes de bechamel e marisco; bolos preñados; filloas recheas; ou crema de queixo do Cebreiro con crema de membrillo e noz caramelizada. Tamén se subliña o protagonismo de produtos locais, coa presenza en moitos dos pinchos do pan de Carballo. Os establecementos que toman parte na iniciativa son: Cafetería Habanos 79, Mesón A Cabaña, O Xabarín, Cafetería Baños Viejos, Os Mareantes, Restaurante-Vinoteca Rincón de Elías, Restaurante Bergantiños, O Rincón - Viños e Xantares, Cervecería Dublín Carballo, Café-Vinoteca Ánfora, Cafetería El Juzgado.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009