17/09/2009 O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de principiar unha forte campaña de comunicación conxunta para impulsar o desenvolvemento do sector da construción, un dos que máis están a sufrir a actual crise económica e tamén un dos sectores empresariais máis importantes no municipio de Carballo, que no ano 2007 representaba case o 23 por cento das empresas municipais, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Aínda que o Concello iniciou xa o pasado ano o programa de Feiróns de Tempada, pensando precisamente no apoio aos diferentes sectores empresariais do municipio, os datos indican que o sector da construción require dun compromiso máis específico.
De aí a necesidade, contando co acordo do propio sector da construción no municipio, de por en marcha unha importante campaña de comunicación conxunta, que ten como principal público obxectivo a xente que se move pola cidade da Coruña: residentes, visitantes e xente que traballa na cidade. A campaña inclúe máis de 50 insercións nos principais medios de comunicación escrita da zona, máis de 500 cuñas de radio en 10 diales diferentes e máis de 40 mupis (mobiliario urbano das rúas destinado á exhibición de información e publicidade) na Cidade Herculina. Iniciouse xa o pasado 31 de agosto e hase prolongar ata mediados do mes de outubro, máis aínda no caso do casco urbano de Carballo, onde tamén se fará unha campaña de mupis.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009