Inicio Centro de atención cidadá Convocatorias Aberto ata o 20 de xuño o prazo de...

Aberto ata o 20 de xuño o prazo de inscrición para participar no Descenso do Anllóns

Co obxecto de recuperar o protagonismo que o Río Anllóns ten na celebración das Festas de San Xoán e ofertar actividades que combinen o carácter lúdico co participativo, a Asociación Cultural San Xoán, Comisión organizadora destas Festas, convoca o XXIII Descenso do Anllóns, no que poderán participar todos aqueles equipos que cumpran as seguintes bases:

PRIMEIRA.- Poderán concorrer os equipos compostos por tres ou máis membros que se inscriban na Biblioteca Rego da Balsa antes do día 20 de xuño de 2022. Coa inscrición cada equipo deberá entregar unha declaración na que farán constar que coñecen o percorrido, que aceptan as bases deste concurso, que cumprirán coas normas de seguridade que se establezan e que eximen de responsabilidades á organización polos accidentes ou danos que puideran ocasionar ou que puideran sufrir os membros da embarcación. Os menores de idade entregarán tamén unha declaración asinada polo pai, nai, titor, autorizándoos a participar. Estes impresos facilitaránselles coa inscrición. Os menores de 6 anos non poderán participar no descenso. Os menores con idades comprendidas entre 6 e 10 anos deberán ir acompañados por un adulto cada catro nenos.

SEGUNDA.- As embarcacións deberán estar construídas artesanalmente e poderán ser propulsadas por calquera medio (remo, pedais, etc.), exceptuando a propulsión mecánica a motor. Recoméndase que as/os participantes leven os pés e o corpo cuberto co fin de evitar rozaduras e dispoñan de prendas secas para cambiarse ao final do percorrido. Durante o percorrido os membros da embarcación manterán unha conduta respectuosa co río e co seu contorno e procurarán non causarlle ningún dano preservando o medio natural. Non poderán deixar restos da embarcación no río. No caso de que algunha parte desta se desprenda os participantes serán responsables da súa retirada da canle do río e das súas inmediacións. As embarcacións deberán ser construídas expresamente para a dita proba e non poderán ser empregadas para a navegación noutras ocasións sen cumprir co Protocolo de Desinfeccións de Embarcacións.

TERCEIRA.- As/os participantes deberán percorrer o tramo do Río Anllóns comprendido entre o inicio do Bosque do Añón (Ponte de Bértoa) e o Parque do Anllóns. No circuíto haberá varias metas voantes e os participantes deberán efectuar varias probas de habilidade. O Descenso farase o día 25 de xuño. As embarcacións deberán estar na Ponte de Bértoa para a súa valoración e recollida de dorsais ás 17.00 h A saída realizarase a partir das 18.00 h.

CUARTA.- É obrigatorio que, como mínimo, a metade dos membros de cada embarcación permanezan sobre ela durante todo o percorrido. De ser imprescindible para salvar algún obstáculo determinado, permitirase o descenso de todos os membros só durante trinta segundos. O xurado poderá decidir se o incumprimento dá lugar ou non a algunha penalización ou descualificación.

QUINTA.- Haberá dúas metas. Na primeira, no inicio do Parque do San Martiño, puntuarase a velocidade da embarcación, e na segunda, no Parque do Anllóns, a súa orixinalidade e a simpatía da tripulación. Para a valoración da embarcación e da tripulación teranse en conta tamén, aínda que de forma secundaria, o seu estado ao inicio do percorrido. As embarcacións que non alcancen a segunda meta nun tempo máximo de 90 minutos, poderán ser descualificadas, se o xurado así o considera oportuno.

SEXTA.- As 25 primeiras embarcacións inscritas que finalicen o percorrido no tempo establecido, recibirán unha gratificación por un importe de 40 €.

SÉTIMA.- O xurado estará composto por membros da Comisión de Festas ou persoas designadas por esta.

NOVENA.- A entrega das gratificacións e dos premios de participación nesta convocatoria realizarase con posterioridade á celebración do descenso.

DÉCIMA.- A participación nesta convocatoria supón a plena aceptación destas bases.

OITAVA.- As embarcacións que cheguen á meta optan aos seguintes premios que se sinalan a continuación, e poderá o xurado deixar deserto algún deles se o estima oportuno: 
1º Premio á embarcación máis orixinal: 300 € e vale de 150 € patrocinado por DEPORTES SAN REMO
2º Premio á embarcación máis orixinal: 200 €
3º Premio á embarcación máis orixinal: 125 €
1º Premio á tripulación máis simpática: 200 €
2º Premio á tripulación máis simpática: 100 €
Premio ás probas de habilidade: 100 €
Premio á embarcación máis veloz: 100 €

O xurado poderá outorgar accésits por un valor de 250 €

Compartir: