Inicio Centro de atención cidadá Convocatorias Aberto ata o 9 de maio o prazo para participar no...

Aberto ata o 9 de maio o prazo para participar no concurso do cartel de San Xoán

A Comisión de Festas de San Xoán convoca, como viña sendo tradicional ata a pandemia, un concurso público para elixir o cartel que anunciará as festas deste ano. O San Xoán 2022 de Carballo ocelebrarase do 21 ao 26 de xuño.

BASES

1ª.- FINALIDADE
É obxecto do presente concurso a selección do cartel que anunciará as festas de San Xoán 2022, organizadas pola Comisión de Festas de San Xoán, e que se celebrarán no municipio de Carballo entre o 21 e o 26 de xuño de 2022.

2ª.- NÚMERO DE OBRAS E TEMA
Poderán participar neste Concurso todas as persoas maiores de idade que o desexen. Cada autor/a só poderá presentar unha obra. Non poderán participar os/as concursantes que resultaran gañadores/as nas últimas dúas edicións deste concurso. A técnica a utilizar será libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reprodución fotomecánica. As obras serán inéditas e os motivos do deseño son libres, se ben deberá figurar o seguinte lema:
SAN XOÁN 2022
do 21 ao 26 de XUÑO
CARBALLO

3ª.- FORMATO
O cartel realizarase en vertical, e o seu tamaño deberá estar comprendido entre 40 e 55 cm. de base e 55 e 75 cm. de altura.

4ª.- PREMIO
A dotación do premio é de 450 € e está patrocinada por OPTICAL¡A ENRÍQUEZ. Á contía do premio aplicaráselle a retención fiscal correspondente. Poderá solicitárselle ao gañador/a que adapte a imaxe a distintos formatos publicitarios e incorpore logos.

5ª.- FORMA DE PRESENTACIÓN
Nos carteis non deberá constar o nome do/a autor/a, figurando na parte posterior o pseudónimo empregado. Cada traballo irá acompañado dun sobre pechado, que no exterior levará escrito o pseudónimo do/a autor/a, e no interior o nome completo do autor/a, enderezo, teléfono, enderezo electrónico e pseudónimo empregado.

6ª.- PROCEDEMENTO E PRAZO DE PRESENTACIÓN
Os traballos deberán presentarse na Concellaría de Cultura do Concello de Carballo, persoalmente ou por correo certificado, entre o 8 de abril e o 9 de maio de 2022. No exterior do sobre que conteña o cartel deberá constar:
CONCURSO DO CARTEL DAS FESTAS DE SAN XOÁN 2022
Concellaría da Cultura - Pazo da Cultura
Rúa do Pan, s/n 15100 Carballo (A Coruña) 

7ª.- XURADO
O xurado estará constituído por un mínimo de catro membros da Comisión de Festas e un representante do Concello de Carballo. A decisión do xurado é inapelable e adoptarase por maioría simple entre os seus membros. O xurado resérvase o dereito de declarar deserto o concurso.

8ª.- DEVOLUCIÓN DE OBRAS
Os orixinais que non resulten premiados poderán recollerse no Pazo da Cultura previa solicitude entre o 15 de xullo e o 30 de agosto de 2022, previa solicitude. Despois desta data entenderase que os autores renuncian aos mesmos.

9ª.- DEREITOS DE AUTORÍA
A Comisión de Festas resérvase o dereito de publicar a obra premiada. Neste sentido, o/a autor/a renuncia a favor da Comisión de Festas de San Xoán a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A participación neste concurso supón a plena aceptación das presentes bases.

10ª.- ENTREGA DO PREMIO
O/A autor/a premiado/a comprométese a estar presente no acto de entrega do premio.

Compartir: