Inicio Centro de atención cidadá Convocatorias Convocatoria de cursos preparatorios para os...

Convocatoria de cursos preparatorios para os certificados Celga e de linguaxe administrativa galega

A Xunta de Galicia vén de convocar novos cursos preparatorios para as probas de acreditación da certificación de lingua galega (Celga), así como de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña, que se impartirán entre outubro deste ano e maio de 2022 nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia (EOI) das sete cidades.

As persoas interesadas deben realizar unha inscrición telemática a través do enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega durante o prazo que vai do 1 ao 14 de setembro para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro) e do 4 ao 15 de xaneiro de 2022 para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).

Tanto os cursos preparatorios Celga (60 horas de duración) como os de linguaxe administrativa galega (75 horas) non teñen custo para o alumnado e pódenos solicitar aquelas persoas maiores de 16 anos, ou quen os faga en 2021, que desexen preparar as probas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificaren a súa competencia en lingua galega, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

No caso dos cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, van dirixidos aos empregados públicos das administracións autonómica, local ou da Administración periférica do Estado na comunidade agás o persoal docente e sanitario. Entre outros requisitos, os/as asistentes deberán estar en posesión dalgún certificado como o Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, ou cursos básicos de linguaxe administrativa.

As persoas que precisen información adicional poden poñerse en contacto co Servizo de Orientación Laboral do Concello de Carballo no Fórum ou chamando ao 981709010.

Compartir: