

Menú:
Poboación do Concello:
Xa somos 31.466
A Casa do Concello acolleu unha xuntanza dos voceiros de todos os grupos políticos municipais na que se expuxo un Proxecto de Servizos Enerxéticos do Alumeado Público Exterior do Concello de Carballo no que se estuda sacar unha concesión para o servizo de mantemento do alumeado público do municipio. Neste proxecto recóllense os datos dunha auditoría enerxética na que se plasma a situación actual do alumeado e se propoñen as medidas que deberían tomarse no futuro para que o Concello puidese aforrar preto de 150.000 euros ao ano na factura de subministro enerxético, mantemento, conservación e reposición das instalacións de alumeado. O gasto anual total previsto para o ano 2013 estímase en 979.867,78 euros (IVE incluído) dos que 646.999,95 serían de enerxía eléctrica; 284.118,68 de mantemento; e 48.750 euros de reposicións. O estudo propón varias medidas para reducir este custo, como serían a substitución de todas as luminarias convencionais por luminarias LED reguladas; adaptar as luminarias máis recentes ao sistema LED Retrofit; cumprir coa normativa de alumeado de estradas; realizar un proxecto de legalización de eficiencia e etiqueta enerxética e situar un sistema de información xeográfica. Segundo conclúe o estudo, tan só a instalación da nova tecnoloxía LED, con redución punto a punto, implicaría un aforro superior a un 80 por cento, o que permitiría reducir o gasto anual durante a vixencia do contrato a menos de 830.000 euros.
Co remate do mes de maio pecha tamén a programación dos Venres Culturais, que tamén completa as celebracións do Día das Letras. Teatro e música mestúranse nunha oferta que comeza coas propostas da Asociación Cultural Coro Vagalume. A primeira delas é "Monster vs. Addams", unha arrepiante e divertidísima obra que enfronta a dúas das familias máis coñecidas do mundo do cómic de terror: a familia Monster e a familia Addams. O carácter dispar de ambas e unha serie de malentendidos desencadearán unha tras outra cómicas escenas que farán rir ao público e pasalo fantasticamente. Este espectáculo está protagonizado polo grupo de teatro xuvenil da AC Coro Vagalume, que conta cunha longa traxectoria no teatro afeccionado. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos e a entrada é de balde, aínda que precisa de invitación previa. Para conseguila, poñerse en contacto con AC Coro Vagalume. A cita é no auditorio do Pazo da Cultura o sábado 18 a partir das 20.00 horas. O mesmo día e no mesmo lugar, pero ás 21.30 horas é a quenda do recen creado grupo de teatro para adultos da mesma asociación, neste caso co seu primeiro espectáculo: "Engominados". Un amor rebelde e imposible é o eixe desta historia que acontece na Norteamérica dos anos 50, onde as bandas marcan cada unha o seu estilo.
19/05/2013 Senda Nova propón o roteiro de sendeirismo "Ruta das mámoas" dentro do programa Primavera en ruta
A Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), coa colaboración do Concello de Carballo, pon en marcha "Carballo por etapas", unha cita organizada dende o sector da hostalería que pretende ampliar as liñas dinamizadoras do sector empresarial a outros sectores como o do turismo e o dos produtos autóctonos como a horta, o mar e o pan, promocionando Carballo e a súa comarca e dando a coñecer a súa variedade gastronómica e cultural. A cita consiste na elaboración e comercialización para a súa degustación durante dúas fins de semana de menús especiais con produtos orixinarios da zona servidos en forma de tapa. Nos distintos locais tamén se ofrecerá o mesmo produto en forma de menú. Cada establecemento participante, cun total de 19 inscritos, poderá elaborar con total liberdade e creatividade a súa propia receita. Cada tapa terá un custo dun euro e o menú de 18 euros. A fin de semana do venres 10,11 e 12 de maio o evento está dedicado á comarca coas Xornadas do Atún Calvo e produtos da horta. A fin de semana do 17, 18 e 19 de maio realízase unha homenaxe á festividade das Letras Galegas con Cociña Pondaliana. Os horarios son de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas, agás o 10 de maio en que é só de 20.00 a 22.00 horas.
Buscador:
09:00

© Concello de Carballo, 2009