

Un total de 225 rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos participaron ao longo dos meses de xullo e agosto nas Escolas Deportivas e Culturais de Balonmán Xiria. Durante o verán puideron desfrutar de excursións e saídas; de actividades deportivas, coa axuda de dez monitores; e de actividades culturais con seis monitores que desenvolveron unha oferta lúdica con clases de inglés, informática ou traballos manuais, e coa novidade este ano da creación dun grupo de teatro. Ademais, por primeira vez estas Escolas contaron coa posibilidade de que os seus participantes puideran empregar o servizo do programa Concilia, de tal xeito que o horario ampliouse para atender aos nenos e nenas a partires das 7.30 horas, coa opción de incluír o almorzo. Con ese novo horario moitos dos rapaces e rapazas tiveron a posibilidade de estar nas Escolas de 7.30 a 14.00 horas.
A capital municipal acolle o sábado 11 e o domingo 12 de setembro o VII Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo, organizado polo Concello, o Padroado Deportivo Municipal e as Escolas Balonmán Xiria. A cita conta cun total de 140 participantes e catro equipos: o BM Valladolid, o ABC de Braga (Portugal), o CB Maristas de Algemesí (Valencia) e as Escolas de Balonmán Xiria. O torneo disputarase en dous grupos de catro equipos en formato de competición de todos contra todos. Os partidos da categoría cadete masculina disputaranse no pavillón Carballo Calero e os da categoría xuvenil masculina no pavillón Vila de Noia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presentou a iniciativa xunto co Presidente das Escolas de Balonmán Xiria, Álex Cousillas e o Técnico responsable da realización e coordinación do torneo, Fernando Vázquez, ademais doutros membros de Xiria, resaltou o compromiso co deporte de base e o traballo das escolas de Xiria e subliñou o feito de que estes xogadores cadetes e xuvenís "pronto estarán competindo en categoría absoluta".
Un total de seis locais hostaleiros do centro carballés participan na II Ruta do Pincho de Verán, unha iniciativa posta en marcha a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín co obxecto de promocionar os establecementos do núcleo urbano, así como os produtos típicos da zona. Xa é a cuarta convocatoria da Ruta do Pincho e a segunda que se celebra en verán en torno ao feirón do quinto domingo de agosto. Segundo explica García Guillín, participan seis establecementos que respectan a filosofía da iniciativa, que é ofrecer de xeito gratuíto "un pincho de calidade, diferente e único". A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 7 e 29 de agosto, en horario de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Os locais incluídos na Ruta son os seguintes: Habanos 79, O Xabarín, Restaurante Bergantiños, Ánfora Vinoteca, Cafetería El Juzgado e Kasa Klandestino, este último únese por primeira vez á iniciativa. Cada un deles anunciará cada día da ruta o pincho que se corresponde con esa xornada.
Buscador:
© Concello de Carballo, 2009