Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O Campionato Galego de Longa Distancia en piscina reunirá este sábado en Carballo á elite dos/as fondistas

88 nadadores/as de 16 clubs competirán na piscina Carballo Calero por clasificarse para o campionato estatal

Xoves 12 de decembro do 2019

Ramón Mosquera, Gustavo Álvarez, Evencio Ferrero e Marcos Trigo

Ramón Mosquera, Gustavo Álvarez, Evencio Ferrero e Marcos Trigo

A piscina Carballo Calero acolle este sábado, 14 de decembro, a XVI Edición do Campionato Galego de Longa Distancia en piscina, fase territorial que ademais clasifica para o XVIII Campionato de España do 22 de febreiro en Barcelona. Organizan a Federación Galega de Natación (Fegan) e a A.D. Fogar, en colaboración co Concello de Carballo, Turismo Carballo e Carballo Deporte.

88 nadadoras/es (44 mulleres e 44 homes), en representación de 16 clubs, daranse cita na instalación carballesa, onde poderemos ver á elite dos fondistas galegos, de nivel nacional e mesmo internacional: Pablo Cabana, Pablo Galán, Gaspar Andrade, Paula Otero, Carla Goyanes ou María Vilas, entre outros. Para o Fogar competirán catro nadadores, dous máis que na pasada edición: Nana Suárez (nacida no ano 2005) e Lucía Romanelli (2006), dúas das mellores da nosa comunidade, e Miguel Abelenda (2004) e Adrián Haz (2000).

O programa de competición comezará as 11 horas, nunha matinal que inclúe a proba dos 2.000 metros libres de categoría infantil. Ás 17 horas comezará a sesión de tarde, reservada para as series e finais dos 3.000 metros libres das categorías júnior e sénior.

Presentación

O campionato presentouse esta mañá na Casa do Concello nunha rolda de prensa do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente da A.D. Fogar, Gustavo Álvarez, e o secretario da Fegan, Ramón Mosquera.

“Sabemos que temos aquí en Carballo un club de referencia en Galicia, como é o Fogar”, afirmou Marcos Trigo, “así que hai que agradecerlle o traballo que realiza todo o ano; como tamén hai que agradecerlle á Federación que conte con Carballo non xa só este ano, senón practicamente todas as temporadas, para organizar eventos desta categoría”.

Ramón Mosquera salientou o excelente nivel do campionato: “A este campionato van asistir nadadores galegos de moitísimo nivel porque son unha disciplina e unhas distancias nos que os nadadores galegos son moi importantes a nivel nacional, membros dos equipos nacionais en todas as categorías”. O secretario da Fegan citou, entre outros, aos internacionais Pablo Cabana (Ponteareas) e Pablo Otero (Arteixo), a Pablo Galán (Club do Mar) e a subcampiona de Europa júnior en 2018 Carla Goyanes (Galaico). “E algunha outra figura que non estará este sábado en Carballo porque estamos en ano olímpico e moitos nadadores están centrados en conseguir a clasificación para os xogos”, rematou.

Gustavo Álvarez destacou a importancia do evento para os representantes do Fogar: “É unha excelente ocasión para que os nosos nadadores se poidan medir aos mellores especialistas galegos, de nivel nacional e mesmo internacional, e iso é sempre unha referencia para eles”. “Intentaremos”, engadiu, “estar á altura do campionato tanto no eido organizativo como no deportivo”.

Evencio Ferrero agradeceu á Federación e á A.D. Fogar “o traballo que están a desenvolver, e que reiteradamente pensen en Carballo para celebrar probas de relevancia e con deportistas de altísimo nivel; así que hai que celebrar que a piscina Carballo Calero sexa sede deste tipo de probas”. O alcalde rematou a súa intervención desexando “que a natación siga a ter éxito entre nós e que o Fogar Natación continúe co seu bo exemplo, sendo un dos clubs que xa leva longo percorrido dentro da federación galega”.

Descargas

Compartir: