Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

DO 30 DE NOVEMBRO AO 9 DE DECEMBRO

O deporte expresa unha vez máis o seu compromiso social no V Torneo de Pádel Solidario Concello de Carballo

A colaboración de numerosas entidades e empresas permitirá contribuír ao labor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog)

Martes 27 de novembro do 2018

A presentación do torneo realizouse no Concello

A presentación do torneo realizouse no Concello

A Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) pode volver a contar coa solidariedade do deporte carballés, porque do 30 de novembro ao 9 de decembro celebraremos o V Torneo de Pádel Solidario Concello de Carballo coa finalidade de recadar fondos para o importante labor social que desenvolve. A gran participación que rexistrou o acto de presentación, celebrado hoxe, é o reflexo da enorme implicación da sociedade carballesa nas causas sociais.

En representación de Asanog hoxe estiveron en Carballo o secretario da asociación, César Sobrino, e os vogais Lorena Collazo e Luis Morgade. Tamén participaron no acto o director da oficina de La Caixa, Javier Andrade; o xerente de miclub, Manuel Pallas; o presidente da Agrupación Deportiva Un Paso Máis, Manuel Cantelar; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero.

O concelleiro de Deporte abriu o acto agradecendo “que haxa xente na sociedade que se involucra e se preocupa por solucionar este tipo de problemas”. Dende miclub, “poñemos un pequeno gran de area, pero nada máis”, apuntou Manuel Pallas, quen destacou o carácter lúdico, ademais do social, do torneo. César Sobrino, pola súa banda, asegurou que este tipo de iniciativas “son imprescindibles, porque sen a axuda da sociedade non sería posible desenvolver a nosa actividade”, centrada, tal como explicou, no apoio de todo tipo aos nenos e nenas hospitalizados/as e ás súas familias. Tamén destacou a colaboración da Fundación La Caixa, cuxo representante expresou o compromiso de seguir apoiando ás entidades carballesas. Na mesma liña, a concelleira de Igualdade e Benestar dixo: “A nós tócanos a parte máis sinxela, que é o patrocinio”.

O concelleiro de Deporte presentou o acto

O concelleiro de Deporte presentou o acto

“Carballo é un concello solidario grazas ao traballo que desenvolven moitas entidades. Temos que estar agradecidos a toda esta gran masa social que é quen de ter a sensibilidade suficiente como para organizar eventos coma este”, destacou o alcalde, ademais de recalcar que a sociedade debe “procurar estar onde haxa unha necesidade”.

O obxectivo do torneo é reunir ao maior número de participantes posible. Por iso está aberto a todas as idades, a todas as categorías e mesmo a persoas que queiran iniciarse no deporte do pádel. O prazo de inscrición está aberto ata este xoves 29 ás doce da noite a través dos teléfonos 619 688 822 e 981 732 954, en mistorneosonline ou en miclub pádel & amigos. A cota é de 18€, e inclúe seguro, camiseta e unha rifa para un sorteo. Ademais, dado o carácter solidario da competición, hai unha fila 0 na conta de La Caixa ES6121001453210200259900.



Galería

Compartir: