Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

Carballo dá a benvida a 110 adestradores de baloncesto de toda España que participan no VIII Claustro Docente FGB

Tres técnicos da elite internacional coma Mauricio Cremonini, Javier Torralba e Cristino Menor impartirán as sesións ao longo da xornada do sábado

Xoves 7 de xuño do 2018

O pavillón Vila de Noia acolle este sábado o VIII Claustro Docente FGB, co-organizado pola Federación Galega de Baloncesto, a Escola Basket Xiria (EBX) e o Concello de Carballo. No polideportivo municipal daranse cita 110 adestradores de toda España para participar nun programa de charlas prácticas (de 10.45 a 12.30 horas, e de 16.30 a 18.15) impartidas por tres técnicos da elite do baloncesto e do traballo de formación tanto autonómico como nacional e internacional: Mauricio Cremonini, adestrador da federación italiana de baloncesto, catalogado na actualidade como o maior especialista de minibasket do mundo; Javier Torralba, adestrador de Segle XXI e da federación catalá, considerado un dos mellores adestradores de base de España; e Cristino Menor, director deportivo do Estudiantes de Lugo, profesor da Escola Galega de Adestradores e con máis de 20 anos de experiencia no ámbito formativo.

Ademais, durante a fin de semana concentraranse en Carballo as seleccións autonómicas de minibasket da xeración de 2007, que participarán no claustro  do sábado e farán dobre sesión de adestramento o domingo. Serán os representantes galegos no próximo Campionato de España de Autonomías.

Presentación

Carlos Colinas, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación

Carlos Colinas, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación

O Claustro presentouse esta mañá na casa do concello, nunha rolda de prensa á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente da Escola Basket Xiria, Marcos Díaz; o director deportivo da EBX, Arturo Ferraces; o director da área deportiva da FGB, Carlos Colinas; e os adestradores das seleccións galegas de minibasket Rubén Vázquez e o carballés Javier Cotelo, do Artai.

“Para o Concello de Carballo é importante”, explicou Marcos Trigo, “apoiar o deporte pero tamén a formación dos profesionais do baloncesto, neste caso; e ademais nun evento de tanta calidade como se presenta o Claustro”.

Marcos Díaz salientou que para a EBX o máis importante é conseguir que practiquen baloncesto cantos máis deportistas mellor, “pero tamén apostamos pola formación de adestradores, máximos responsables de que os rapaces medren non só como xogadores, senón tamén en valores”. O presidente do Basket Xiria agradeceu a confianza depositada no club carballés pola Federación Galega e o apoio do Concello de Carballo na organización do Claustro.

“A Federación Galega -dixo Carlos Colinas- ten desde hai moitísimos anos un compromiso coa formación, e cando falamos dese compromiso pensamos en nenas e nenos que empezan a xogar; pero eses nenos e nenas teñen que estar guiados polos adestradores. As nosas iniciativas, como este Claustro, non terían sentido sen o apoio das institucións e dos clubs, como o Concello de Carballo e a Escola de Basket Xiria”. “O Claustro –engadiu- comezou en 2014 e nesta edición quixemos centrarnos no minibasket, que é onde nace todo. Creo que pechamos un cartel dabondo atractivo, no que están representadas tres escolas moi diferentes do que é o baloncesto de formación”. O director deportivo da FGB destacou a presencia, por primeira vez en Galicia, de Mauricio Cremonini, “unha das grandes autoridades europeas na formación e minibasket. Javier Torralba é unha das referencias dos adestradores xoves do baloncesto catalán, sempre á vangarda do baloncesto formativo; e Cristino Menor representa o perfil do técnico con moitos anos no baloncesto de formación”. “Para nós”, rematou, “é un orgullo dicir que hai 110 inscritos para a actividade do sábado, unha xornada intensa na que sabemos que o formato de mañá e tarde dá moito de si e na que, tan importante como as charlas, é o claustro que se crea no propio pavillón coa convivencia dos adestradores”.

Evencio Ferrero afirmou que as instalacións municipais están para ser usadas, “e máis nun evento coma este, que aposta pola formación”. O alcalde felicitou tanto á EBX como a FGB por apoiar un modelo “no que a mellora dos profesionais cada vez máis cualificados vai permitir que o deporte de base siga dando pasos importantes. E ese é o deber do noso Concello, que esa aposta pola formación se realice nas mellores condicións”. Ferrero despediu a rolda de prensa desexando que iniciativas como o Claustro Docente teñan continuidade no futuro, “porque seguro que de aquí van saír novas ideas e novos proxectos, como o Pequebasket, que naceu en Carballo e xa chegou a toda Galicia”.

Compartir: