Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.org

Carballo acolle a fase final da copa alevín de balonmán 7, unha xornada de deporte e “de valores”

Representantes do Balonmán Xiria, a Federación Galega e o Concello presentaron hoxe a competición

Venres 2 de febreiro do 2018

Marcos Trigo, Adrián Dubra, Bruno López, Evencio Ferrero, José A. Rodríguez e Ignacio Permuy

Marcos Trigo, Adrián Dubra, Bruno López, Evencio Ferrero, José A. Rodríguez e Ignacio Permuy

Carballo será este domingo a sede da fase final da copa de balonmán 7 na categoría alevín mixta, un evento que confirma “a boa saúde do balonmán na provincia”, ademais de converterse nunha xornada de promoción “de valores, amizade e respecto”, como a definiu Ignacio Permuy. O delegado provincial da Coruña da Federación Galega foi un dos participantes no acto de presentación da copa, que tivo lugar hoxe na Casa do Concello, xunto con José Antonio Rodríguez Fraga, Adrián Dubra, Bruno López, Marcos Trigo e Evencio Ferrero.

O alcalde confirmou esa boa saúde do balonmán na provincia e en Carballo, onde podemos presumir de contar cun equipo de 1ª División integrado na súa totalidade por xogadores locais “o que converte ao Balonmán Xiria nun caso único”. Evencio Ferrero engadiu que a categoría alevín é o primeiro paso, e que precisamente por tratarse de nenos e nenas tan pequenos o obxectivo principal é que o pasen ben.

Bruno López, vicepresidente da Federación Galega e delegado provincial de Lugo, explicou que “é a primeira vez que se xoga toda a tempada en alevín, que era unha demanda dos clubs”, polo que esta copa supón o colofón despois de disputar as distintas fases da competición regular.

Horarios e partidos

As semifinais xogaranse ao mesmo tempo nos pavillóns do CEIP Fogar e Vila de Noia: EM Abegondo-BM Atlántico no primeiro e Xiria B-OAR no segundo, ámbolos dous ás 10.30 horas. Estarán presentes, por tanto, os catro mellores equipos da provincia. O partido polo 3º e 4º postos será ás 11.45 horas no pavillón Vila de Noia, que tamén acollerá a final ás 13.00 horas.

En representación do Balonmán Xiria, Adrián Dubra manifestou que “unha das apostas do club é o deporte base, e a base está neste tipo de torneos, que teñen como principal obxectivo a colaboración entre os rapaces, a amizade, que se divirtan e compartan o balonmán, que é o que nos une a todos”. O Xiria considera “vital” establecer relacións entre os clubs, e esta é unha forma de conseguilo.

Compartir: