Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O Bergantiños amosa a súa cara máis solidaria nun calendario protagonizado por xogadoras e técnicos do equipo feminino

Os almanaques véndense a 5 euros e a recadación irá destinada á xunta local contra o cancro

Xoves 21 de decembro do 2017

A deputada provincial Ánxela Franco agradeceu ao Bergantiños que aposte por dar visibilidade ás mulleres

A deputada provincial Ánxela Franco agradeceu ao Bergantiños que aposte por dar visibilidade ás mulleres

Doce meses, doce causas, doce hagstags. O Bergantiños aproveitou a proximidade das festas do Nadal para amosar a súa cara máis solidaria. O club presentou hoxe un calendario para 2018, no que os modelos son as xogadoras e técnicos do seu equipo feminino, que quere concienciar en temas especialmente sensibles polos que paga a pena loitar ou feridas sociais que compre pechar.

Con imaxes de Ana García, de La Voz de Galicia, as fotografías de cada mes levan unha etiqueta e un lema que chaman á solidariedade: xaneiro, #colaboracosbancosdealimentos, “Erradiquemos a pobreza infantil”; febreiro, #xuntospodemos, “14 de febreiro, Día Mundial contra o Cancro”; marzo, #todossomosespeciais, “21 de marzo, Día Internacional da Síndrome de Down”, abril, #todassomospersoas, “Tolerancia cero contra o racismo o racismo e a xenofobia”; maio, #bastaxa, “2 de maio, Día Mundial contra o Acoso Escola”; xuño, #loitapolaigualdade, “Todas e todos valemos o mesmo”; xuño, #omonteévida, “Contra os incendios”; agosto, #adoptarésalvar, “20 de agosto, Día Internacional dos Animais sen Fogar”; setembro, #stopazucre, “Loita contra a diabetes”; outubro, #solidariedade, “Hoxe por ti e mañá por min”, “14 de outubro, Día Mundial da Doazón de Órganos”; novembro, #ninunhamenos, “25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero”; e decembro, #protéxete, “Previr é curar”.

Cada almanaque ten un custo de 5 euros, e a recadación total doarase á xunta local de Carballo da Asociación Española contra o Cancro (AECC). Os exemplares pódense adquirir nas Eiroas o poñéndose en contacto cos directivo da AECC carballesa.

Evencio Ferrero, Maica Ures e Marcos Trigo tamén asistiron á presentación

Evencio Ferrero, Maica Ures e Marcos Trigo tamén asistiron á presentación

Xogadores, técnicos, familiares e directivos da familia bergantiñá citáronse no auditorio do Fórum para asistir á presentación do calendario, nun acto conducido pola comunicadora Silvia Fraga no que tamén estiveron presentes o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures; a deputada provincia de Benestar Social, Ánxela Franco; a presidenta da AECC en Carballo, Ana Casais; a presidenta do Bergantiños feminino, Chicha Calvo; e o presidente do Bergantiños, Luciano Calvo.

“O Bergantiños é un exemplo de moitas cousas boas hai xa tempo, pero ese bo exemplo estase estendendo cada vez máis”, dixo Ferrero. “Agora o club ten sección feminina, e podemos dicir que nunca na historia do noso concello houbo tantas mulleres facendo deporte. Iso é un paso máis nesa normalización deportiva que creo que era moi necesaria”, asegurou o alcalde.

“É de agradecer que un club como o Bergantiños, que xa anda polos 97 anos de vida, aposte por que as mulleres teñan visibilidade”, salientou Ánxela Franco. “Estas xogadoras -engadiu- son mulleres bravas, que contribúen a que, todos os días, se traballe e se loite por esa igualdade”.

Compartir: