Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.gal

O deporte carballés únese para lembrar a Loli Varela na segunda edición do memorial que leva o seu nome

Entidades, institucións e empresas colaboran para lembrar a unha destacada figura do movemento deportivo e asociativo

Luns 4 de decembro do 2017

O Pavillón Vila de Noia acollerá este mércores o II Memorial Loli Varela, unha das figuras máis destacadas do mundo asociativo e deportivo de Carballo, vinculada á sección de balonmán de Xiria e ao Club Baloncesto Artai, e peza fundamental na creación da agrupación Un Paso Máis, de deporte para persoas con discapacidade. O Concello de Carballo, Carballo Deporte, Centro Artai e Club Baloncesto Artai organizan a actividade en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, Carballo Básket, Balonmán Xiria, Un Paso Máis, Deputación da Coruña, Deporte Galego, Conservas Calvo e Gadis. A xornada inclúe dous partidos de baloncesto: o de categoría júnior feminino entre Carnicería Daniel Artai e Maristas A Coruña (16.00) e o de categoría sénior masculina entre o Calvo Artai e o Calvo Xiria (18.00). Entre partidos (17.30) celebrarase a entrega de trofeos e agasallos.

A homenaxe presentouse esta mañá na casa do concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; Joaquín Moreira, presidente do CB Artai; Chelo García, directora do Artai; José Antonio Rodríguez, das Escolas de Balonmán Xiria; Marcos Díaz Molk, do Carballo Básket xiria; Julia Reymúndez, secretaria da Agrupación Deportiva Un paso máis, e Fidel Nión, viúvo da homenaxeada.

Calidade humana

Todos os asistentes coincidiron en louvar o traballo de Loli Varela nas distintas entidades nas que colaborou e, sobre todo, a súa calidade humana. Joaquín Moreira explicou o cambio de formato da homenaxe neste segunda edición: “Hai tanta actividade deportiva en Carballo que agora mesmo acertar co día e ter tempo para xogar dous partidos é realmente complicado. Porque para esta data, que é a mesma da pasada edición, pola mañá había actividade, balonmán, no pavillón. Quedounos este oco para poder xogar estes dous partidos. O ano pasado xogamos máis, balonmán ademais de baloncesto, pero este ano tivo que ser así polo que dixen, pola numerosa actividade deportiva en Carballo, que non para”.

“Loli ´-lembrou, Julia Reymúndez- foi, como todo o mundo sabe, unha das principais impulsoras para que a xente con discapacidade puidese practicar deporte e de maneira continuada. De feito, dos dous nenos cos que ela comezou facendo baloncesto pasou aos 35 que o practican actualmente”.

“Aquí -salientou Díaz Molk- vese a unión entre todos os clubs e todos os deportes, e iso hai que poñelo en valor, porque Loli era unha persoa de fusión, non de grupos independentes, senón de unir”.

Evencio Ferrero e Chelo García, que se xubila mañá

Evencio Ferrero e Chelo García, que se xubila mañá

“Loli -dixo a directora do Artai, que participaba no seu último acto, xa que mañá xubílase- foi impulsora, foi parte do colexio e da nosa familia; sempre, alí estaba para todo, así que esperemos que esperemos que continúe moitos anos celebrándose a súa memoria e facéndose as cousas que ela empezou; continuar coa sua labor, que penso que é beneficioso para todos”.

José Antonio Rodríguez tivo palabras de eloxio para o Artai: “Creo que hai que agradecerlle ao Artai o esforzo que fai por manter o memorial. Nos queremos, faltaba máis, participar, sempre que sexa posible, o que non puido ser nesta ocasión, pero estamos aquí, colaborando, porque Loli meréceo”.

“Loli -asegurou o alcalde- claro que o merece”. “Os memoriais -engadiu- son para lembrar persoas e proxectos, e o proxecto deportivo de Loli segue vivo, está aí e o que hai que intentar é que, como ben dixestes, que haxa moitos memoriais máis, o que sería sinal de que esta sociedade sigue viva e segue lembrando ás persoas que, con tanta xenerosidade, apostaron polo deporte e tamén por Carballo”.

Compartir: