Deporte

Deporte

Oficinas Carballo Deporte
Rúa Vila de Corcubión, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 702 109 Ext 1
carballodeporte@carballo.org

Vía libre para o inicio das obras de reforma do campo de fútbol de Sofán, no que investiremos máis de de 440.000 euros

O alcalde asinou hoxe o contrato coa empresa adxudicataria, que dispón de tres meses para materializar o proxecto

Venres 8 de setembro do 2017

O Concello de Carballo investirá 442.539,94 euros no campo de fútbol de Sofán. O compromiso municipal coa mellora das infraestruturas deportivas dará un importante paso adiante coa instalación de céspede artificial, a ampliación dos vestiarios e a renovación do equipamento do Carral, unha actuación incluída nos orzamentos deste ano dentro do plan provincial POS+. O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato coa empresa Lancer, adxudicataria das obras, nun acto ao que asistiron os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo, e o redactor do proxecto.

A actuación centrarase na substitución da herba actual por céspede artificial de última xeración, monofilamento, sobre unha base de zahorra compactada e unha sub base elástica prefabricada. Ao mesmo tempo renovarase o equipamento do campo: porterías, bandeiríns, rede de rego, varandas... Pero a actuación vai máis alá do recinto de xogo, posto que tamén se inclúe a construción dun novo depósito de auga, o remate do peche da parcela, que ten 7.000 metros cadrados de superficie, e a ampliación dos vestiarios cun novo módulo no que tamén se situarán un cuarto de instalacións e un almacén.

O ano pasado o Concello de Carballo renovou o céspede artificial do campo de fútbol das Eiroas, un complexo de uso masivo, xa que o Bergantiños FC e as Escolas Luis Calvo teñen arredor de 30 equipos. Agora é a quenda da SD Sofán, con 8 equipos e 137 licenzas federadas, e cunha instalación ata agora insuficiente para dar cabida ao importante crecemento da actividade rexistrado nos últimos anos. Esta situación mudará nos vindeiros meses, xa que o prazo da execución das obras é de 90 días.

Compartir: