Cultura

Cultura

- 2024 +
- Abril +
L
M
M
X
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
14
15
16
17
18
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

Carballo conta con case 100 murais logo da celebración do Rexenera Fest 2022

A vila gañou cinco novas obras para as súas paredes e volveu a converterse durante 12 días na capital galega da street art

Martes 14 de xuño do 2022

Daan Boltek rematou hoxe mesmo o seu mural na rúa Gravador Facal

Daan Boltek rematou hoxe mesmo o seu mural na rúa Gravador Facal

Nun lapso de tempo de nove anos, en Carballo téñense creado un total de 97 murais de arte urbana. Os últimos cinco, durante a celebración do Rexenera Fest 2022, que nesta edición post pandemia recuperou citas tradicionais como o concerto de peche, os obradoiros sen restricións ou a convivencia aínda máis próxima entre veciñanza e artistas.

Entre o xoves 2 e o luns 13 de xuño Carballo respirou pintura, con arredor de 400 persoas implicadas no festival, incluíndo a participación nas rutas guiadas (con 368 visitantes entre particulares e centros escolares), a celebración do obradoiro de tapices con la da man dunha das artistas convidadas, ou no xogo de pistas para familias e a ruta do tesouro “Buscando ouro”. E estas cifras non inclúen a grande cantidade de persoas que se achegaron estes días a falar cos artistas, a percorrer os murais pola súa conta e a observar o traballo nos guindastres, xa que son imposibles de contabilizar, pero si que se sentiron nas rúas carballesas.

Este ano foron cinco os artistas que deixaron a súa pegada nas paredes, chegados de lugares como Países Baixos e Lituania; tamén de España desde Cataluña ou País Vasco; e, como xa é tradicional, con presenza de artistas galegos. Dende a organización do festival valoramos moito traballo de todas e todos eles, que ten un altísimo nivel. Nesta ocasión, ademais, hai que mencionar a especial repercusión que tivo o mural da vasca Udatxo entre a cidadanía pola temática da súa obra, na que plasmou a dous veciños da vila. Inspirada nunha fotografía antiga, pintou a un panadeiro de Carballo moi querido e á súa muller, polo que o seu mural foi apreciado con especial agarimo. Son moitos os veciños e veciñas que aínda lembran a Marcelino, un dos panadeiros máis coñecidos da comarca.

En todo caso, a veciñanza sempre expresa a súa admiración por todas e cada unha das obras do festival, das que aquí vos deixamos a listaxe coa localización:

  • Daan Botlek (Países Baixos) Rúa Gravador Manuel Facal, 9. O último en rematar a súa obra, tamén o que empezou máis tarde, deixa un mural cheo de simbolismo co seu especial estilo característico.
  • Udatxo (País Vasco) Rúa Coruña, 3. O seu mural inspirado nunha fotografía da vila, está situado en pleno corazón de Carballo, moi preto do mercado tradicional.
  • Alba Fabre (Cataluña) Avenida da Milagrosa, 23. O seu mural reflicte unha escena íntima e tenra dunha parella e faille compañía a outro mural con outra parella realizado en 2021 por Iván Floro, Van Vúu, xa que están situados un fronte ao outro.
  • Twee Muizen (Galicia) Rúa Gran Vía, 87. Na súa obra “Trueiro”, a protagonista semella tentar atrapar co seu trueiro, unha sorte de liberdade, quizais perdida nestes últimos dous anos de incerteza continuada.
  • Marija Tiurina (Lituania) Rúa Oriente, 7. Presenta un mural moi colorido e orixinal onde cada figura ten o seu significado.

Aínda que o festival conta co seu especial e intensivo programa de rutas guiadas, durante todo o ano quen queira pode descubrir os murais por diferentes medios. Concertando visitas a través do departamento de Turismo (só é necesario xuntar un grupo de persoas e encher un formulario); ou pola súa conta, xa que os murais están sinalizados en Google Maps para que calquera os visite cando queira. Cada obra conta con paneis con códigos QR con información e mesmo hai rutas personalizadas para poder facilitar as visitas na páxina web do proxecto. Toda a info está en <www.derrubandomuros.gal>.



Galería

Compartir: