Cultura

Cultura

- 2022 +
- Xullo +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
4
5
6
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

CERTAME FOTOGRÁFICO XOSÉ MANUEL EIRÍS

Carballo réndese á arte de José Ramón Luna de la Ossa, que recolleu por terceira vez o primeiro premio

A exposición das obras premiadas na 24ª edición e dunha selección realizada polo xurado entre as 100 presentadas pode verse no Pazo da Cultura

Luns 16 de maio do 2022 Cultura

Premiados/as, xurado, organizadores e patrocinadores

Premiados/as, xurado, organizadores e patrocinadores

Di o refrán que non hai dúas sen tres, e na relación entre José Ramón Luna de la Ossa e o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís non podía ser máis certo. O fotógrafo conquense vén de recoller o primeiro premio do concurso por terceira vez. Xa gañou nas edicións dos anos 2014 e 2017, e repite nesta ocasión por unha imaxe titulada Miedo después del miedo, que, como el mesmo explicou, representa por unha banda o medo persistente na sociedade, e moi especialmente na infancia, tras dous anos de pandemia, e, por outra, “pretende encorsetar esos dos años, pensar que lo peor ha pasado y que podemos mirar hacia adelante y ver un poquito de luz”. Para transmitilo utilizou dúas imaxes da súa filla Sara, unha pendurada da parede da estancia que aparece na foto e outra que corresponde ao momento no que se fixo a foto e na que aparece encaixonada, representando ese “encorsetamiento” ao que aludiu o autor.

José Ramón Luna de la Ossa, que recibiu 1.500 euros e diploma, amosouse moi agradecido por este novo premio e louvou a organización dun certame “que a los creadores nos sirve de revulsivo para dedicarnos a la creación artística, en este caso a la fotografía”. Na súa intervención durante o acto de entrega dos premios agradeceu ao seu pai e ao seu avó que lle transmitisen a afección pola fotografía, que hoxe é, ademais, a súa profesión.

2º PREMIO

Está claro que Carballo réndese ante a arte de Luna de la Ossa, que ten acadado máis de 400 premios ao longo da súa traxectoria artística, pero non é o único que logra captar o noso interese e o noso recoñecemento, porque o gañador do segundo premio, Juan Rodríguez Pazos, xa contaba no seu haber cun accésit e un Premio Especial Carballo. Nesta ocasión, a imaxe titulada La extraña pareja converteuno en gañador dos 750 euros e diploma que compoñen o galardón patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz.

A súa obra, que semella unha pintura, ten, segundo o propio autor, dúas posibles interpretacións: “Unha romántica, de que os polos opostos se atraen, e outra máis social, dende o punto de vista do cambio climático, da intervención do home na natureza”. Juan Rodríguez agradeceu a aposta do Concello de Carballo pola cultura en xeral e pola fotografía en particular, porque en tempos de crise, dixo, “soe ser a cultura o primeiro que se abandona”.

ACCÉSIT E PREMIO ESPECIAL CARBALLO

Entre o centenar de obras presentadas por un total de 44 autores e autoras, o xurado tamén quixo distinguir cun accésit de 300 euros e diploma a Calma chicha de Francisco López López. O autor non puido acudir ao acto de entrega dos premios, pero tivo unha excelente embaixadora na súa irmá e ademais enviou unha mensaxe en vídeo, agradecendo o premio, que se proxectou durante a velada.

Si estivo a gañadora do Premio Especial Carballo, a larachesa Sandra Ramilo Rodo, que presentou unha imaxe titulada Crise enerxética, pola que recibirá 500 euros e diploma, patrocinado por Interfilm Carballo, malia que se amosou satisfeita co simple feito de participar. Sandra Ramilo desvelou durante a súa intervención que a fotografía é de autoría compartida con Melina Regueira, coa que colaborou para amosar os dous tipos de crise enerxética que, dende os seus puntos de vista, están presentes na nosa sociedade. Dun lado, “a que estamos oíndo todos os días no telexornal: alza de prezos, escaseza de fontes de enerxía... representada na imaxe por unha bombona de butano” e polas velas, que aparecen nun plano superior para transmitir “a idea do decrecemento”. A segunda crise é “de enerxía persoal e social, individual e colectiva, que estamos vivindo nestes momentos de post-pandemia” e que, como apuntou, se reflicte nunha taberna na que “non hai clientes, non hai vida, non hai interacción social”.

MÁIS INTERVENCIÓNS

Tamén interviñeron no acto Carlos Lorenzo, en representación do xurado, que apelou á “emoción” que transmiten as fotografías para poñer en valor o traballo dos/as participantes, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, que lembrou a Xosé Manuel Eirís e a Alberto Gende, “por acompañarnos nesta sala que leva o seu nome, porque a memoria é tamén o que nos permite estar vivos. Teremos que lembrar sempre a aquelas persoas que nos deixaron a súa pegada, e esa pegada revive ano tras ano neste certame”. O alcalde expresou o seu desexo de que o exemplo de Carballo co Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís “poida reproducirse con outras expresións artísticas noutros moitos lugares, porque a arte tamén nos fai sentir máis sólidos como pobo”.

O Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, cuxa familia, como todos os anos, estivo representada tamén no acto, celebra neste 2022 a súa 24ª edición. Nestes 24 anos participaron case 1.200 fotógrafos e fotógrafas cun total de 3.300 obras, das que foron premiadas 101. E, sobre todo, como destacou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, o certame ten contado “cunha ampla representación de autores galegos e de moitas outras comunidades autónomas que nos fai estar moi orgullosos desta consolidada convocatoria”.

Marcos Trigo foi o presidente do xurado, do que formaron parte tamén Beatriz Neira Varela, en representación da Asociación Cultural Ría de Lema; Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña; Carlos Fernández Pardellas, fotógrafo; Carlos Lorenzo Pérez, fotógrafo, creador audiovisual, xestor cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural; María Marticorena Cabezas, licenciada en Belas Artes, profesora de Educación Plástica Visual e artista performer, e Carmen Castro Pombo, xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, que actuou como secretaria.

A exposición das obras premiadas, así como dunha selección realizada polo xurado entre todas as presentadas, poderá verse ata o 30 de xuño na Sala Alberto Gende do Pazo da Cultura.

Compartir: