Cultura

Cultura

- 2019 +
- Outubro +
L
M
M
X
V
S
D
 
1
2
6
7
8
9
10
15
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

DESPEGA O FIOT!

Os espectáculos do FioTEEN inician unha intensa primeira fin de semana de Festival Internacional Outono de Teatro

As entradas para as funcións de Jauría, La Golondrina, Hamlet e Fariña, incluídas no Programa de Sala, e para a actuación de Carlos Blanco deste domingo no Mercado Municipal, xa están esgotadas

Mércores 25 de setembro do 2019

Imaxe de

Imaxe de "Chola a it girl", que se representará no Casino 1889

Carballo convértese, a partir deste venres 27 de setembro, no corazón das artes escénicas de Galicia. Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, a número 28 do FIOT, unha cita que ateigará as rúas e escenarios da localidade con 38 espectáculos e numerosas actividades para todos os públicos ao longo de cinco semanas.

Como adianto, o xoves 26, chegan as primeiras funcións nos centros escolares de Carballo do FioTEEN, o ciclo que achega as artes escénicas á mocidade a través de propostas singulares e espefícas para o público adolescente. O primeiro espectáculo que se representa é Por unha peseta, da nova compañía Apatacón, formada pola vocalista Faia Díaz (De Vacas ou Coro Encaixe) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa). A peza é un traballo onde voz narrada e cantada achéganse para abordar historias de vida recollidas na contorna, e que se achega, con moita retranca, ao humor, á sensibilidade e á tenrura da nosa xente e a os seus saberes e tradicións.

Apatacón presenta unha das propostas do FioTEEN

Apatacón presenta unha das propostas do FioTEEN

Ademais de Por unha peseta, o ciclo FioTEEN ofrecerá á xuventude a posibilidade de asistir, nas vindeiras semanas, aos ensaios xerais de dúas das estreas absolutas desta edición co-producidas polo FIOT, como son Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, e O electo, de Contraproducións e Focus. Ademais, as mozas e mozos terán a oportunidade de ver, por vez primeira en Galicia, o espectáculo Dados, de Ventrículo Veloz, obra gañadora do Premio Max 2019 ao Mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou familiar. Dados, que chegará a Carballo o martes 8 de outubro, aborda as dificultades da adolescencia, que se incrementan especialmente polo feito de ser trans. En todos estes espectáculos, ademais, a mocidade tamén terá a oportunidade de participar en encontros das compañías co público para achegar visións sobre as propostas escénicas.

Na fin de semana, o venres 27, ábrese o pano do 28º FIOT para o público xeral cos espectáculos da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que este ano celebra a súa 21ª edición. O primeiro en saír á escena será Pedro Brandariz, coa estrea absoluta da súa nova peza Un conto de michos. As entradas para esta proposta pódense reservar, gratuítamente, na Biblioteca Rego da Balsa, espazo no que terá lugar a función contra ás 18.00 horas. Xa pola noite, a partir das 21.00 horas no Café Valle Inclán, o dinamizador cultural e músico Xurxo Souto presentará O océano de dentro, unha peza na que ducias de historias e os contos do mar inundarán as rúas de Carballo. De seguido, ás 22.30 horas, a compañía coruñesa ArtesaCía, conformada por Laura Villaverde e Roi Fernández, presentarán no Casino 1889 a súa creación Chola a it girl, na que unha “it girl rectificada” explicará que o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia. Esta ecléctica e singular noite pecharase coa música ao vivo do dúo Blues do País, que ofrecerán versións en galego, e con xeito, de grandes éxitos da música internacional.

Carmen Conde presenta o sábado

Carmen Conde presenta o sábado "Premios Darwin"

Xa na noite do sábado 28, Carmen Conde presentará os Premios Darwin, unha selección natural das historias máis curiosas vinculadas a mortes absurdas que a artista recolleu por toda Galicia. Logo desta sesión de ateigada de humor negro, e cuxa entrada é libre, Conde dará paso ao Tito Rober, quen dará a coñecer na Cervexería Beos a Vida e milagres do zume de laranxa. O espectáculo, cuxo acceso tamén é gratuíto, ten como protagonista a un rapaz dunha familia humilde de Ourense que chega a un colexio de privado no que lle acontecerán miles de aventuras. Finalmente, o humorista Oswaldo Digón pechará esta sesión da Rúa dos Contos ás 00.00 horas no Mesón do pulpo co seu espectáculo Anecdoloxía, no que recolle e ironiza arredor con aquelas escenas da vida cotiá que calquera pode vivir nun ascensor ou sala de espera.

Por último, o domingo 29 Carlos Blanco revisará, no 2º andar do mercado municipal, os seus mellores monólogos nun espectáculo no que se darán cita grandes éxitos como As bravas de Arousa (queres kiwis?), As grandes frases das nosas avoas e avós ou A dobraxe porno, narracións nas que o actor incluirá, como é habitual nas súas intervencións, elementos de actualidade. As entradas para a función, que comezará ás 20.00 horas, están xa esgotadas.

Teatro de Rúa

Ademais da Rúa dos Contos, o 27 de setembro tamén comezará a programación do Teatro de Rúa, o ciclo vinculado ás artes circenses, acrobacias e clown que ten lugar a ceo aberto no espazo público de Carballo, e que nesta edición contará con catro espectáculos. O primeiro deles terá lugar este venres ás 20.00 horas na praza do Concello e chegará da man de Xampatito Pato, que ofrecerá Só, unha creación de malabares imposibles que desafían os sentidos apta para todos os públicos. O seu intérprete e creador é o artista galego Jesús Velasco, que conta cunha importante traxectoria internacional e que está a ser unha das revelacións dos festivais de novo circo da tempada.

O Teatro de Rúa continuará a vindeira fin de semana, coa participación da compañía Sincronacidas, que presentará as súas OhLimpiadas (Premio Fetén 2019 ao Mellor Espectáculo de Rúa) o venres 4 de outubro, ás 20.00h, e do recoñecido clown Jean Philippe Kikolas, que estreará en Galicia a súa nova creación, Calor (sábado 5, ás 19.30h). O ciclo pecharase o sábado 12 de outubro, ás 19.30h, coa singular DistanS, o traballo da compañía andaluza Vol’e Temps, repleto de numerosas acrobacias nun espectáculo emocionante, único e divertido con música en directo.

Unha noite no teatro

Outra das liñas de programación que se inicia este venres 27 é O Fiotiño, a serie de actividades paralelas do FIOT dirixidas á xente miúda para achegar o mundo das artes escénicas. En concreto, esta fin de semana desenvolverase A noite branca no teatro, unha sorte de campamento infantil que terá lugar no propio Pazo da Cultura, e no que as e os participantes se mergullarán nunha auténtica experiencia teatral. Baixo o acompañamento do coñecido narrador Caxoto, o grupo vivirá unha noite con obradoiros e talleres de creación, que lles permitirá estrear ante o público de Carballo unha nova creación, no propio Pazo de Cultura, o sábado 28, ás 11.00 horas. A obra xirará arredor das #MIRADASFIOT e de temáticas como o feminismo ou o medio ambiente. As prazas para participar nesta actividade están completas desde a semana da apertura do prazo de inscrición.

Entradas esgotadas para varios espectáculos

As entradas para Carlos Blanco están esgotadas

As entradas para Carlos Blanco están esgotadas

O pasado venres, 20 de setembro, saíron á venda as entradas e abonos para o público xeral do Programa de Sala, OTNI e Rúa dos Contos.

Na primeira xornada esgotáronse tanto os abonos como os billetes para asistir ás funcións de Fariña, Jauría e La Golondrina, incluídas na programación do Pazo da Cultura, así como de Carlos Blanco, quen actúa este domingo no mercado municipal de Carballo. As entradas para o Hamlet da singular Companhia do Chapitô están tamén esgotadas desde onte.

Toda a información sobre a compra de entradas está dispoñible na nova páxina web do FIOT, á que se pode acceder a través da dirección www.fiot.gal.

AXENDA DE PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES DO FIOT

26 de setembro

  • 10.00 horas. IES Alfredo Brañas - Por unha peseta, de Apatacón (función escolar)
  • 12.00 horas. IES Monte Neme - Por unha peseta, de Apatacón (función escolar)
  • 16.30 horas. IES Parga Pondal - Por unha peseta, de Apatacón (función escolar)
27 de setembro
  • 18.00 horas. Biblioteca Rego da Balsa - Estrea absoluta de Un conto de michos, de Pedro Brandariz.
  • 19.30 horas. Pazo da Cultura - Noite branca no teatro.
  • 20.00 horas. Praza do Concello - Só, de Xampatito Pato.
  • 21.00 horas. Café Valle Inclán - Estrea absoluta de O océano de dentro, de Xurxo Souto.
  • 22.30 horas. Casino 1889 -  Chola a it girl, de ArtesaCía.
  • 00.00 horas. Pub O Patacón -  Concerto de Blues do País.
28 de setembro
  • 21.00 horas. Cafetería Colón -  Premios Darwin, de Carmen Conde.
  • 22.30 horas. Cervexaría Beos - Vida e milagres do zume de laranxa, de Tito Rober.
  • 00.00 horas
  • Mesón do pulpo - Anecdoloxía, de Oswaldo Digón.
29 de setembro
  • 20.00 horas. Mercado municipal - Os mellores monólogos, de Carlos Blanco.

Compartir: